Hijos del Partido de Lalín celebrou o seu 103 aniversario
A xornada contou con centos de asociados e asociadas que se achegaron ata o Centro Gallego na Habana.
A Sociedad Hijos del Partido de Lalín celebrou recentemente o seu 103 aniversario cunha xornada socio cultural que tivo como escenario o salón do antigo palacio do Centro Gallego na Habana e en presenza de centos de asociados e asociadas. A presidenta do colectivo, Marina García Moreira, destacou o labor desenvolvido ao longo de máis dun século e a figura dos fundadores: Cándido Lamas, presidente; o vicepresidente Manuel Lorenzo e o secretario Máximo López. Unha directiva que agrupou na sociedade aos emigrantes de Lalín, Silleda, Agolada, Rodeiro e Dozón. O primeiro ano a agrupación contou xa cun comité de damas que solicitou axuda para a construción de escolas, internados, hospitais e asilos.
Na celebración foron recordadas tamén destacadas figuras da Sociedade como Ramón Fernández, que a presidiu durante máis de tres décadas e a José Ramón Baluja, Josefina López e Iselda Tamayo. Fíxose mención especial a María Saladina Faílde, Avelina Pego, de Lalín, e a Eugenio López e Dergan Calles polas súas achegas realizadas durante as súas vidas e recoñeceuse a figura da profesora de danza Mariela Lorenzo Toledo polo seu labor a favor da cultura e as tradicións. O colectivo outorgou o Premio Lalín aos mozos Ariel Boza Viqueras e Elrry Hernández Guerra polo seu labor artístico nos festivais e actividades do 2012.
Entregáronse tamén os premios do certame de debuxo infantil a Darío López, Runey Téllez Hernández e Eliany Blas Martínez. A actividade pechouse coa actuación do grupo Viravoltas que dirixe Mariela Lorenzo e a de Raymel Moleiro que narrou contos latinoamericanos. O 28 de abril celebrouse a xunta xeral das e dos asociados na que foron declaradas emigrantes distinguidas Flora, María e Mercedes Iglesias Pérez. Inaugurouse unha exposición de labores de Gladys González, Lourdes Valdés, Margarita Vidal, Eumelia Fiallo, Esther Ayala, Eubise e Marina García. Yolanda Vidal Felipe falou de Roberto Vidal Bolaño, a quen se dedican as Letras Galegas e Teresa Labourdette e Manuel Álvarez Fuentes leron uns poemas.
Fonte e foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas




