Os Hijos de Lalín enchen de ledicia a Pequena Galicia

O colectivo dezano da Habana celebra un festival infantil no barrio de Luyanó.

  • Manuel Valella durante o concurso de debuxo patrocinado por el na Casa de la Trova
    Manuel Valella durante o concurso de debuxo patrocinado por el na Casa de la Trova
  • Cativos participantes nos festexos de Hijos del Partido de Lalín
    Cativos participantes nos festexos de Hijos del Partido de Lalín
Listen to this page using ReadSpeaker
Lalín, 11 de novembro de 2014.

A barriada de Luyanó, máis coñecida como La Pequeña Galicia da Habana, foi o escenario elixido pola Sociedad Hijos del Partido de Lalín na capital cubana para celebrar un festival infantil con motivo do Día da Cultura e o Día da Hispanidade, ao que acudiron numerosos fillos e fillas de emigrantes.

A Sociedad Hijos del Partido de Lalín, que preside Marina García Moreira, celebrou recentemente unha festa infantil na Casa de la Trova, sita na barriada habaneira de Luyanó, lugar onde residiron gran cantidade de emigrantes galegas e galegos no século XX, polo que foi coñecido como La Pequeña Galicia. O evento conmemorou o Día da Cultura Cubana e o Día da Hispanidade entre as e os máis cativos descendentes dos emigrantes galegos e galegas residentes en Cuba.

A actividade festiva contou coas actuacións da pallasa Sonrisita, o mago Hosman, o grupo de baile español Imeya e o pequeno Addielito, que fixeron as delicias dun grupo composto por medio centenar de nenos e nenas que participaron, nos diferentes actos. Ademais, tamén tivo lugar un concurso de debuxo patrocinado polo emigrante galego e pintor residente na capital cubana, Manuel Valella, quen dende hai moitos anos imparte clases de debuxo e pintura aos pequenos e pequenas da barriada como parte do proxecto Hijos de España en Luyanó. Neste certame entregáronse varios premios ás nenas e nenos gañadores, que ademais gozaron dunha piñata con caramelos e regalos, e unha merenda.

Pegada galega e dezana
A celebración do Día da Cultura Cubana e do Día da Hispanidade por parte da Sociedad Hijos del Partido de Lalín na Habana levouse a cabo nun lugar emblemático para a emigración dezana en particular, e galega en xeral. A Pequeña Galicia albergou durante boa parte do século XX a famosa casa da saúde chamada "La Benéfica" do Centro Gallego de La Habana, un dos máis importantes do mundo. Tamén tivo o seu sitio nesta zona da capital a clínica "Hijas de Galicia", fundada polo colectivo Solidaridad Pontevedresa para a atención materno-infantil das e dos emigrados residentes na cidade.

Por último, entre as colaboracións que recibiu o colectivo Hijos del Partido de Lalín durante as celebracións destacan os proxectos infantís auspiciados pola Unión Orensana e a Sociedade Canaria, que achegaron o seu gran de area a unha xornada de formación cultural para as e os máis pequenos descendentes da emigración galega.

 

Fonte e fotos: Faro de Vigo

 

1263 lecturas