A Agrupación Artística Gallega de La Habana celebrou o aniversario colectivo de 158 asociadas e asociados
158 socios e socias da histórica entidade galega na capital cubana (cumprirá os cen anos no mes de setembro de 2019) nacidos e nacidas entre os meses de xaneiro e xuño foron homenaxeadas nun acto que se desenvolveu o pasado domingo 23 de xuño.
Na Agrupación Artística Gallega da Habana, Cuba, celebrouse o aniversario colectivo de 158 persoas asociadas nacidas entre os meses de xaneiro a xuño. Para iso, a sociedade galega organizou na tarde do pasado 23 de xuño unha actividade cultural con bufete incluído, á que asistiron máis de un cento de asociados e asociadas entre persoas nativas, descendentes e invitadas e invitados.
O presidente de Cultura da asociación, Alberto Cartaya Velazco, transmitiu no nome de Julio Santamarina López e no da Xunta Directiva que preside, a felicitación ás e aos homenaxeados. Nas súas palabras fixo referencia á participación da entidade en diferentes actividades programadas pola propia asociación e ás convocadas polas respectivas Federacións de Sociedades Galegas de Cuba, e Españolas de Cuba, facendo un aparte especial nas intensas xornadas que tivo a sociedade no recén concluído XXVI Festival La Huela de España.
Por outra parte, informouse ás e aos presentes sobre as actividades a celebrar nos próximos meses, que inclúen a clausura do curso escolar da Escola de Artes da sociedade, o próximo 30 de xuño.
O xornalista, escritor e historiador da sociedade, Rolando Aniceto, fixo unha intervención dedicada ao Día do idioma español celebrado o pasado 19 de xuño. Particular momento de emoción foi a actuación de Aida Sáez e Ramón Palacio Chenique, coñecida e coñecido solistas da canción na illa caribeña, que interpretaron varias pezas musicais do repertorio contemporáneo nacional e internacional, e arrincaron os aplausos da concorrencia. A reunión finalizou cun bufete e música popular para as e os bailadores.
Esta celebración é unha das tantas actividades que durante o ano se programan na sociedade, e que poñen de manifesto os esforzos que realiza a directiva da institución por manter a atención aos seus asociados e asociadas ao longo destes oito anos á fronte dos destinos da sociedade.
Fonte: Agrupación Artística Gallega | Foto: España Exterior
Novas relacionadas




