O legado de Ramón Piñeiro a prol da lingua e da cultura galegas segue vivo vinte e un anos despois do seu pasamento

O intelectual, do que mañá se cumpre o vixésimo primeiro cabodano, traballou pola dignificación social do galego e pola recuperación da cultura de Galicia.

Con estes obxectivos promoveu algunhas das empresas culturais máis senlleiras da segunda metade do século XX, como a Editorial Galaxia e a revista Grial.

O centro que leva o seu nome realiza na actualidade un importante labor no campo da investigación lingüística, un dos principais intereses de Ramón Piñeiro.

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de agosto de 2011.

Máis de dúas décadas despois do seu pasamento, o legado de Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) a prol da recuperación da lingua e da cultura galegas segue hoxe vivo. O filósofo e galeguista, do que mañá se cumpre o vixésimo primeiro cabodano, contribuíu a impulsar múltiples proxectos políticos, editoriais, literarios ou xornalísticos. Entre eles, cómpre salientar a Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e a revista de cultura Grial, proxectos todos eles que continúan a súa traxectoria na actualidade.

O traballo de Ramón Piñeiro á fronte destas iniciativas convertérono nunha das figuras máis influentes e decisivas da Galicia da segunda metade do século XX. A súa produción intelectual xirou arredor principalmente do ámbito político, con propostas para a articulación dun pensamento galeguista fortemente enraizado na sociedade galega do momento e que fose comprensible para a cidadanía; da filosofía, con contribucións senlleiras sobre o significado da saudade; e da lingua galega.

O galego, unha preocupación constante
Sobre o tema da lingua, Ramón Piñeiro reflexionou en profundidade, sempre desde unha postura de respecto, cordialidade e entendemento. Entre as súas preocupacións tiveron un gran peso a relación entre idioma e sociedade, a situación social da que gozaba o galego, as causas que impedían o seu avance na sociedade e as accións necesarias para acadar a súa extensión na vida diaria. Esta preocupación pola dignificación social do galego guiou o seu traballo na elaboración e aprobación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, na que tamén participaron outros ilustres galeguistas.

Piñeiro vía a lingua galega non só como un medio de comunicación, senón que a consideraba o sinal distintivo da identidade dun pobo e dunha cultura. Argumentaba que o feito de sermos galegos e galegas se debe en parte a termos unha lingua que nos diferencia dos individuos doutras comunidades lingüísticas e a dispormos dunha cultura que se expresa nunha lingua que lle confire a súa singularidade. Nesta formulación, lingua e cultura están unidas, proxectándose mutuamente.

Esta visión da lingua como elemento identitario de todo o pobo galego é o que explica tamén a súa postura, ás veces non ben comprendida, de que a lingua galega fose apoiada por todas as forzas políticas. En consecuencia, Ramón Piñeiro consideraba que a defensa do idioma non debía ser nin responsabilidade nin patrimonio exclusivo de ningún partido político ou ideoloxía en particular.

A investigación lingüística a través do Centro Ramón Piñeiro
O pensamento sociolingüístico de Ramón Piñeiro tiña unha fonda inspiración vitalista e posibilista, baseado na crenza das enormes posibilidades da sociedade galega para recuperar a lingua propia. Pero para iso víase necesario investigar nas diferentes áreas lingüísticas, literarias e humanísticas que lle transmitisen á sociedade unha imaxe realista e moderna da lingua propia de Galicia.

Seguindo o ronsel desa preocupación pola investigación sobre o galego, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 1993 un centro de investigación que leva o nome do autor lancarés e que ten como obxectivos fundamentais promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lin¬güísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Ao mesmo tempo, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinado polo académico Manuel González, promove diversas iniciativas arredor do intelectual de Láncara. É o caso da colección Cadernos Ramón Piñeiro, a través da que se publicaron, desde 2003 ata hoxe, 19 volumes sobre pensamento e cultura galegos.

A través do Centro Ramón Piñeiro, a secretaría xeral, en colaboración coa Editorial Galaxia e con Gas Natural Fenosa, tamén convoca o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Este galardón, que ten en marcha a súa décimo primeira edición, nace en memoria do escritor de Láncara e acóllese ao espírito que inspirou a súa polifacética traxectoria intelectual.

1281 lecturas