As últimas publicacións do Ramón Piñeiro homenaxean a dous referentes das letras galegas: Cunqueiro e Cabanillas

O centro de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de publicar unha edición facsimilar de “Soma de craridades”, de Álvaro Cunqueiro, e a obra “Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona”.

As presentacións públicas dos dous títulos terán lugar esta semana: mañá en Vigo e o xoves en Pontevedra, respectivamente.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2011.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, publicou recentemente dous títulos que buscan difundir a vida e a obra de dous referentes clave da literatura galega: Álvaro Cunqueiro e Ramón Cabanillas.

A primeira delas trátase dunha edición facsimilar de Soma de craridades, por Álvaro Cunqueiro e Unha carta a Luís Seoane, por Santiago Montero Díaz. A presentación pública desta obra terá lugar mañá a partir das 20:00 horas na Casa do Libro en Vigo e está previsto que nela participen o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, en representación da Xunta, e o fillo de Álvaro Cunqueiro, César Cunqueiro.

O secretario xeral tamén participará o xoves 29 de setembro na presentación da obra Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán e modo de antífona, que constitúe o décimo oitavo volume da Colección Cadernos Ramón Piñeiro. No acto, que terá lugar a partir das 20:00 horas no Centro de Maiores Novacaixagalicia do Café Moderno de Pontevedra, tamén está prevista a intervención do académico da lingua galega Francisco Fernández Rei e do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

O labor do Centro Ramón Piñeiro
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que está adscrito ao departamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten como fin promover, desenvolver e darlle difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. No marco da liña de investigación literaria, o centro promove a Colección Cadernos Ramón Piñeiro. Dirixida polo asesor literario Luís Alonso Girgado, esta colección quere ser unha homenaxe ao intelectual que leva o seu nome, Ramón Peñeiro. Algúns dos números publicados ata o de agora, un total de 19, están dedicados á figura de Piñeiro e outros, a temas e cuestións filosóficas, estéticas ou biográficas referidas sempre ao ámbito cultural e lingüístico galego.

O Centro Ramón Piñeiro tamén promove outras iniciativas no campo literario, entre as que se inclúen os proxectos de recuperación de textos poéticos galegos anteriores a 1936, de revistas galegas poéticas, poético-literarias ou literario-culturais, e de prosa decimonónica.

1146 lecturas