Feijóo anuncia que a Xunta destinará case 4 millóns de euros para “formar, orientar e insertar” no mercado laboral a preto de 3.300 desempregados

Apunta que estas axudas irán dirixidas a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, preceptores de subsidios e prestacións por desemprego da renda activa de inserción ou da renda activa de integración social de Galicia, desempregados de longa duración e mocidade.

Explica que as entidades beneficiarias serán as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que terán a obriga de contratar, como mínimo, entre o 30 e o 35 por cento do persoal ao que previamente formen.

Destaca que ante o “estrangulamento do crédito que supuxo a reforma financeira” a Xunta dá “un paso máis” e aproba o programa re-Brote 2011, que incorpora un maior compromiso nos avais de financiamento de circulante ás empresas galegas.

“Melloramos en 10 puntos as porcentaxes previstas na anterior convocatoria, de tal sorte que cubrirá o 50% das pólizas de crédito para circulante; ata o 60% das liñas de crédito para adianto de facturas; e ata o 70% nos casos de póliza de xestión de pagamentos a provedores”, sinala.

Subliña o balance da última convocatoria do programa de créditos: máis de 50 millóns de euros que beneficiaron a 120 empresas e supuxeron a estabilidade de 6.500 postos de traballo.

Avanza que a Xunta destinará 21 millóns de euros para a conservación integral da totalidade da rede autonómica de estradas da provincia de Ourense, preto de 2.000 quilómetros de estradas que benefician a 315.000 habitantes.

Salienta que en dous anos de lexislatura se deu o 90% de todos os avais que se deron nos últimos 14 anos en Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte que a Xunta vai destinar case 4 millóns de euros para “formar, orientar e insertar laboralmente” a preto de 3.300 desempregados. Segundo concretou, estas axudas irán dirixidas a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, preceptores de subsidios e prestacións por desemprego da renda activa de inserción ou da renda activa de integración social de Galicia, desempregados de longa duración e mozos.

Feijóo explicou que as entidades beneficiarias serán as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro que terán a obriga de contratar, como mínimo, entre o 30 e o 35 por cento do persoal ao que previamente formen; polo que considerou que este investimento en formación redundará, como mínimo nun terzo, en contratos de traballo.

Na rolda de prensa tras a reunión do Consello, o mandatario galego reiterou a vontade da Xunta de seguir por este camiño para paliar o desemprego a través de axudas efectivas aos sectores produtivos da nosa economía.

Ampliación da liña de avais para pequenas e medianas empresas
“Hoxe, adoptamos outra liña de avais, incrementando as anteriores, e mantemos o compromiso de avais para pequenas e medianas empresas”, avanzou Feijóo na rolda de prensa tras o Consello, remarcando que isto “supón manter en vigor a maior liña de capital circulante que a Xunta puxo nunca a disposición das empresas”. “E non soamente isto, senón que ampliamos ata 10 puntos máis”, aseverou o mandatario autonómico adiantando que en total se poderá financiar entre o 50 e o 70% das novas operacións de financiamento de circulante que as empresas precisen para manter a súa actividade económica e o seu cadro de persoal.

“Estamos confirmando que hai unha falta de liquidez e un estreitamento das cañerías financeiras como nunca”, argumentou Feijóo sinalando que por iso o Goberno galego está a facer o que normalmente fai de forma excepcional, e que agora xa se converteu en normal: que a Xunta avale o que antes avalaban as entidades financeiras. E por iso, destacou, “en dous anos de lexislatura se deu o 90% de todos os avais que se deron nos últimos 14 anos en Galicia”.

“Ante esta necesidade e ante o estrangulamento do crédito que supuxo a reforma financeira hoxe volvemos dar un paso máis”, engadiu Feijóo, explicando que unha vez presentado o programa que está a funcionar para as microempresas e para os autónomos, agora se presenta o programa ampliado ás pequenas e medianas empresas.

Unha iniciativa que, segundo explicou o titular da Xunta, financiará entre o 50 e o 70% de novas operacións de financiamento para circulante e que suporá un importe mínimo de 300.000 euros e un importe máximo de 3,5 millóns de euros. “Melloramos en 10 puntos as porcentaxes previstas na anterior convocatoria, de tal sorte que cubrirá o 50% das pólizas de crédito para circulante; ata o 60% das liñas de crédito para adianto de facturas; e ata o 70% nos casos de póliza de xestión de pagamentos a provedores”, asegurou Feijóo.

En canto ás novidades deste programa, o presidente galego expuxo que haberá unha nova liña para avalar ata o 50% das pólizas de responsabilidade, liquidación, e garantía de operacións mercantís, e que se poderá ampliar o prazo destes avais de 2 a 4 anos, o dobre, sempre que as empresas solicitantes acheguen garantías reais que non eran necesarias para os dous anos.

“Estamos, polo tanto, tentando solucionar o que o mercado financeiro solucionaba en épocas normais, e estamos tentando solucionar os problemas de liquidez que teñen as empresas para pagar as nóminas; o problema de liquidez que teñen as empresas para facer fronte ao pago de materias primas namentres non venden os produtos elaborados; e estamos facendo, en definitiva, o traballo que loxicamente debería facer as entidades financeiras se viviramos nun país san desde o punto de vista financeiro”, argumentou. Trátase, en definitiva, incidiu, “da maior liña de capital circulante nunca posto pola Xunta a disposición das empresas, para que poidan pagar gastos, para que poidan abonar nóminas e para que poidan seguir pagando as facturas”.

Na mesma liña, o presidente da Xunta referiuse ao balance da última convocatoria do programa de créditos, agora ampliada: máis de 50 millóns de euros (56) que beneficiaron a 120 empresas e que supuxeron a estabilidade de 6.500 postos de traballo.

Garantir a conservación da rede de estradas de Ourense
En materia de infraestruturas, o presidente galego informou de que a Xunta destinará 21 millóns de euros para a conservación integral da totalidade da rede autonómica de estradas da provincia de Ourense, garantindo “o mantemento e a mellora do cen por cento” das estradas competencia da comunidade autónoma nesta provincia para os próximos cinco anos.

“Blindamos fronte á crise económica o cen por cento da conservación e o mantemento durante os próximos cinco anos da totalidade da rede de estradas competencia da Xunta de Galicia”, preto de 2.000 quilómetros de estradas que benefician a 315.000 habitantes que viven nesa provincia, puntualizou.

O titular da Xunta explicou que esta medida “é unha forma de xestión distinta á de outras administracións públicas” e unha decisión “de enorme calado económico polos compromisos plurianuais que comporta”. Ademais, insistiu na importancia de conservar e velar polo mantemento de todas as estradas galegas antes de anticipar novas infraestruturas se despois non hai crédito para a conservación e o mantemento das xa existentes.

1298 lecturas