Feijóo propón unha Lei de Disciplina Orzamentaria para que ningún goberno gaste “por riba das súas posibilidades” e Galicia siga avanzando en austeridade, planificación e rigor

O presidente destaca que a Xunta leva abertas máis prazas de benestar que en toda a lexislatura anterior, triplicado o número de dependentes atendidos, comprometido un 20% máis de garderías neste 2011 e impulsado tres novos hospitais públicos, e reitera o seu compromiso coa Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias se o Goberno central transfire o Fondo de Cooperación.

Di que “descolgarse do interese xeral é deixar colgado ao país”, e pide os grupos un pacto polo futuro da caixa, o territorio e o cumprimento do financiamento autonómico.

LEI DE DISCIPLINA ORZAMENTARIA: Establecerá a obrigatoriedade de que o Parlamento autorice un teito de gasto antes da elaboración dos orzamentos e que nos ciclos expansivos se destine calquera ingreso extraordinario a reducir débeda.

FUTURO FINANCEIRO: Pese ao bandazo normativo do Goberno “hai marxe para que Galicia poida contar cunha caixa evolucionada vinculada a un banco”, se en Galicia “nos mantemos nos mesmos principios de solvencia e galeguidade” e se “o Banco de España é coherente e consecuente cos seus propios actos e o Goberno de España trata ás Comunidades Autónomas dun xeito igualitario”.

TERRITORIO: En 2011 estarán en execución máis de 100 quilómetros de vías de alta capacidade e, á aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral, sumarase unha nova Lei do Solo.

FINANCIAMENTO AUTONÓMICO: “Malo foi romper o acordo, peor era o novo modelo, pero nefasto é incumprilo” e pide o apoio dos grupos para defender “non só coa forza da razón, senón tamén coa forza da unión dos partidos galegos” os 805 millóns que comprometeu o Goberno central e non achega a Galicia.

DIÁLOGO SOCIAL: Pon en valor o pacto asinado cando en España se ía celebrar unha folga xeral e avanza que se ampliará con outros nove acordos, como o apoio ós mozos desempregados.

APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS: Subliña que todos os sectores produtivos contan con axuda directa da Xunta para afrontar a crise e anuncia novas medidas de apoio para os ámbitos forestal, pesqueiro e da automoción.

INTERNACIONALIZACIÓN: Salienta que Galicia se abriu ó exterior co mellor Xacobeo da historia e avoga por facelo tamén dende o punto de vista económico a través da internacionalización, que conta cun 65% máis de recursos e que centrará a reestruturación do Igape.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que nas vindeiras semanas o Goberno galego remitirá ó Parlamento un proxecto de lei para disciplinar o control do gasto e da débeda pública e garantir a solvencia e a sustentabilidade das arcas autonómicas tanto a curto como a longo prazo. Segundo dixo, este texto pioneiro en España é un exemplo máis de que hai autonomías “capaces de mellorar as contas de resultados da nación” e medidas que permiten reducir a desafección política que sofre actualmente boa parte da cidadanía.

Así se pronunciou no transcurso da súa comparecencia no Debate do Estado da Autonomía, que tivo precisamente na crise económica, na desafección política e no cuestionamento do modelo de Estado os seus tres eixos principais. Tras facer un balance da xestión da Xunta no que vai de lexislatura e avanzar as liñas prioritarias dos próximos dous anos, asegurou que “a gran teima do Goberno galego é a defensa da Autonomía, o Benestar dos seus cidadáns e o fortalecemento dos instrumentos produtivos, económicos e financeiros que favorezan o noso progreso común”.

Entre as medidas novidosas nas que apoiou esta reflexión destacan a aposta pola internacionalización da economía a través da reestruturación do Igape para que 700 empresas comecen a exportar de forma regular e se incrementen en 3.400 millóns as exportacións galegas, así como o impulso ós sectores produtivos coa aprobación, por exemplo, dun Decreto de Electromobilidade para o sector da automoción, ou dun Decreto de apoio á comercialización para o sector pesqueiro. Tamén anunciou que nas próximas semanas se ampliará o Diálogo Social con outros nove acordos pactados cos axentes sociais e económicas e, no ámbito do benestar, reiterou o seu compromiso coa Lei de Garantías das Prestacións Sanitarias se o Goberno desbloquea o Fondo de Cooperación pendente de transferir á Comunidade para facer fronte ó pago dos servizos públicos.

Feijóo, que abriu a súa intervención cos primeiros parágrafos do discurso de investidura do primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, comparou a transcendencia da situación “de enormes dificultades e sen precedentes” que se vive na actualidade cos primeiros momentos da autonomía. Por iso, propuxo recuperar a unidade dos primeiros políticos da democracia galega para afrontala “sen autoenganos, utopías nin optimismos baleiros”. “O realismo e a verdade é o primeiro mandamento dun dirixente que xestiona a crise”, dixo, e tras garantir o compromiso da Xunta de Galicia de seguir traballando neste sentido, reclamou o apoio da oposición para que cada paso que se dea para afrontar a situación económica que sofre España sirva para concluír que o Estado das Autonomías “segue sendo parte da solución, e non parte do problema” e para que os cidadáns recuperen a confianza cunha “nova esperanza”.

Man tendida á oposición
“Descolgarse do interese xeral é deixar colgado a este país”, afirmou e, por iso, ó longo da súa intervención, ofreceu aos grupos políticos pactos en materias tan relevantes como a o futuro financeiro, a sustentabilidade das finanzas públicas, o cumprimento do modelo de financiamento autonómico, ou a futura Lei do Solo. Tamén explicitou que no que resta de lexislatura, alomenos 35 textos lexislativos precisarán da opinión e participación de todos porque abordarán ámbitos fundamentais, como a modernización da administración, o desenvolvemento do noso territorio, o pulo á nosa cultura, ou a mellora da educación, da sanidade pública e dos servizos sociais. “Pídolles que asumamos a realidade tal cal é e traballemos por levar a cabo unha nova modernización de Galicia, pero non desde a grandilocuencia, senón desde a racionalidade”, plantexou.

“Recuperar a confianza debe ser a nosa primeira obriga. Sen dúbida, non é a solución definitiva, pero si a primeira necesidade do noso país”, incidiu e, despois de asegurar que “a crise leva dous anos de vantaxe a España” e que “España, e Galicia tamén, está aínda nunha crise económica da que Europa comeza a saír”, resaltou que Galicia xa leva aplicando durante toda esta lexislatura os tres principios que agora plantexan tódalas administracións: a austeridade, a planificación e o rigor.

Como exemplo disto, detallou que Galicia é unha das dúas comunidades que xa hai dous anos controla os seus balances e cumpre coa Lei de Estabilidade Presupostaria. “A Administración galega cumpre”, asegurou, e engadiu que o fai tamén ó pagar as facturas nun prazo medio de 30 días ou ó manter o sistema de servizos públicos legado polas xeracións pasadas. Neste punto, o presidente galego asegurou que o establecemento por lei das boas prácticas presupostarias será un paso máis para blindar a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas no futuro e para que “ningún goberno futuro teña que soportar os efectos dunha mala presupostación”.

Da futura normativa, destacou que establecerá a obrigatoriedade de que o Parlamento autorice un teito de gasto antes da elaboración dos orzamentos, así como que nos ciclos expansivos se destine calquera ingreso extraordinario a reducir déficit ou, se fose o caso, a amortizar débeda pública. Tamén incrementará as esixencias ás entidades do sector público cuxo endebedamento consolida déficit público e fixará mecanismos de esixencia de responsabilidades por incumprimentos de obrigas en relación co endebedamento e o déficit. Para ilustrar a importancia destas medidas, afirmou que se nas épocas de bonanza económica se tiveran aplicado principios semellantes, hoxe teriamos 2.000 millóns menos de débeda.

Austeridade, planificación e rigor
Feijóo afirmou que Galicia tamén “seguirá sendo referente de austeridade” coa posta en marcha, por exemplo, da segunda fase do Plan de Racionalización da Administración paralela, que analizará máis de 80 entes públicos e que se suma á primeira fase que xa ten permitido eliminar ou reformular dous de cada tres órganos. Tamén recordou a redución de consellerías nun 30%, de altos cargos nun 50%, de asesores nun 30% ou a posta en marcha de plans de aforro de enerxía, gasto telefónico ou parque móbil.

Na mesma liña, destacou que Galicia é unha das poucas comunidades que aprobou un Plan Estratéxico para a súa economía, tal e como recoñeceron as autoridades comunitarias. E non só iso, “Gobernar un país non significa perderse por ansias de espectacularidade, nin deixarse levar polo efectismo, nin dar unha falsa imaxe para salvar o curto prazo, nin ancorarse na volatilidade permanente. Gobernar un país implica coñecer ese país e saber cara onde se vai, para poder avanzar con firmeza, pese as dificultades do camiño”, explicou.

“Un goberno que xestiona con responsabilidade os cartos que son de todos transmite tranquilidade á cidadanía. Pola contra, un goberno que descontrola o gasto público xera desconfianza”, resumiu e, en consecuencia, comprometeuse a seguir dicindo a verdade á cidadanía sobre a situación económica. En contraposición, recordou que a negación da crise durante demasiado tempo no pasado “se paga agora con máis impostos, recortes sociais como nunca e incertidumes sobre o estado real e o futuro da nosa nación”.

Así, sumou á diminución dun 10,8% dos presupostos de 2011 outras dúas dificultades engadidas, en referencia á débeda de 2.600 millóns de euros pola malas previsións económicas do Goberno, así como á mala interpretación do modelo de financiamento autonómico por parte do Estado e que supón que Galicia deixe de ingresar este exercicio 805 millóns ós que ten dereito.”Malo foi romper o acordo, peor era o novo modelo, pero nefasto é incumprilo”, resumiu, e engadiu que “non queremos máis que ninguén, pero tampouco menos. E non queremos un trato preferente, pero tampouco un trato discriminatorio”, dixo, e por iso pediu o apoio dos grupos parlamentarios para que a Xunta poida acudir á Comisión Bilateral “non só coa forza da razón, senón tamén coa forza da unión dos partidos galegos na defensa dos intereses do país”.

Futuro financeiro
Núñez Feijóo tamén apelou á unidade para defender a postura galega no debate financeiro aberto trala “improvisación histórica” do Goberno central. Na súa opinión, trátase dun “bandazo normativo sen precedentes” porque sitúa ás caixas galegas en peor posición competitiva que as entidades dos restantes países europeos, fixa requisitos discriminatorios fronte ós bancos, comete o erro de obrigar a unha capitalización urxente das entidades, e non computa como capital as provisións realizadas pola caixa galega para sanear o balance, tal e como lle obrigou o Banco de España. “A Novacaixagalicia primeiro se lle obriga a priorizar o saneamento e despois se lle penaliza por ter priorizado o saneamento”, criticou, e detallou que, de computarse as provisións, hoxe o seu core capital roldaría o 8,7%.

Malia todo, concluíu que “hai marxe para que Galicia poida contar cunha caixa vinculada a un banco”. “Hai marxe para que a caixa galega poida captar os 1.500 millóns de euros que se lle requiren. Hai marxe se o equipo directivo da caixa é xeneroso e mantén a súa implicación co país. Hai marxe se a inmensa maioría dos políticos, empresarios e sindicatos de Galicia nos mantemos, como hai tres meses, nos mesmos principios de solvencia e galeguidade. Hai marxe se o Banco de España é coherente e consecuente cos seus propios actos. E hai marxe se o Goberno de España trata ás Comunidades Autónomas dun xeito igualitario”, resumiu.

Precisamente sobre as relacións co Estado, Núñez Feijóo resaltou a “lealdade” e o “compromiso” constante por parte da Xunta de Galicia que, segundo recordou, quedou demostrada dende o inicio da lexislatura coa sinatura do Pacto do Obradoiro que supuso asumir o “histórico incumprimento” coa alta velocidade galega. En contraposición, situou o “rancor partidista” do Goberno central, que preferiu nos restantes asuntos unha relación baseada no “trato arbitrario, recursos, suspensións de leis galegas, falla de compromiso e mesmo ausencia de resposta”. Concretamente, citou tanto a aprobación como a aplicación do modelo de financiamento autonómico, a paralización do catálogo priorizado de medicamentos, a posta en vigor do Decreto do Carbón, a ausencia do Presidente do Goberno no Xacobeo, ou o feito de que este non teña respondido ás cartas remitidas polo propio Feijóo.

Cara á cooperación permanente
Por todo isto, o presidente galego concluíu que “urxe abrir unha nova etapa na relación do Goberno central coas autonomías” para pasar da “tensión sistemática” á “cooperación permanente”. Nesta liña, propuxo profundar nunha “España cooperativa” que permita que as comunidades poidan participar nas políticas do Estado, así como que aquelas decisións que afectan ao miolo do sistema autonómico “non dependan de acordos improvisados con minorías, senón que sexan consecuencia dun amplo e maioritario consenso”.

En varios momentos do seu discurso, Feijóo defendeu o papel relevante das comunidades fronte á “tripla ameaza” que gravita, na súa opinión, sobre o actual modelo de Estado. En primeiro lugar, opúxose á opinión daqueles que “senten nostalxia de esquemas máis centralizados” e ven nas autonomías “un luxo que soamente é aceptable en momentos históricos de bonanza”. “Discrepo totalmente con esta visión. As autonomías non son unha especie de frivolidade pasaxeira, senón unha necesidade permanente”, expuxo, e alertou contra a idea de centrar na estrutura autonómica as causas da crise en España. “Os factores que xeran desazón non residen na entraña da España das Autonomías, senón en políticas específicas de gobernos específicos”, aclarou.

“Son galeguista, son autonomista”
As restantes ameazas ás que aludiu Feijóo foron, por un lado, a aplicación de medidas nas que “o privilexio substitúe á equidade, e a improvisación pode máis que a harmonía” e, por outro, a tentación de centrar a autonomía en debates minoritarios”. Por iso, reivindicou un bo funcionamento do modelo de Estado para que a crise non xere máis desequilibrios entre os territorios e para que o autogoberno sirva para atender as prioridades reais dos cidadáns. “Son galeguista, son autonomista, e creo que a lexitimidade da autonomía baséase na súa capacidade para achegarse ó sentir da xente e, desde a cercanía, tentar resolver os seus problemas”, declarou.

Isto non significa, engadiu, que o Goberno galego avogue por unha “visión estática” do sistema autonómico, senón que apostou por “seguir dando pasos adiante, perfeccionando as institucións, clarificando ámbitos competenciais, evitando duplicidades e afondando nos foros comúns”. De xeito máis concreto, repasou algúns dos acordos de colaboración máis recentes entre distintas comunidades e recordou a intención de que se celebre neste ano unha Conferencia de Presidentes Autonómicos.

No mesmo sentido, asegurou que o entendemento que o Goberno central plantexa para as súas relacións co Estado e coas restantes comunidades é o mesmo que xa practica cos concellos galegos. Respecto a isto, adiantou a súa intención de convocar ós representantes das Deputacións e dos municipios para “revisar e profundar as nosas alianzas, e ser capaces de compartir os recursos de forma máis solidaria”. Deste xeito, darase continuidade á cooperación que rexe ás relacións do Goberno galego coa Administración local, e que ten frutificado en acordos sobre políticas de tecnoloxía, urbanismo, normas do hábitat ou financiamento. Así mesmo, subliñou que a Xunta é solidaria coa situación de asfixia financeira que viven os municipios e, como exemplo, puxo a blindaxe dos recursos do Plan Concertado, o incremento dos fondos para formación, ou a creación do canon eólico.

Esta imaxe “dunha Galicia que dialoga, en vez de impoñer; que suma e que non resta; que inviste, en vez de paralizar; e que concerta e non confronta” é a que o presidente autonómico se propuxo seguir proxectando en España, tal e como se fixo con anterioridade, por exemplo, coa sinatura do Acordo do Diálogo Social cando en España se ía producir unha folga xeral, coa fusión das caixas, co concurso eólico ou co Xacobeo. Na súa opinión, esta política de rigor e unidade é a que permitirá levar a cabo con acerto as dúas grandes prioridades que, segundo dixo, marcan a política do Goberno galego: a recuperación económica e a blindaxe e mellora dos servizos sociais públicos.

No ámbito da xestión económica, dirixida ó mantemento e creación de emprego, referiuse ó fomento da internacionalización como unha das “máximas prioridades” para a lexislatura, tanto para exportar como para atraer investimento produtivo. Así, adiantou a “completa reestruturación do Igape” para que centre de xeito prioritario os seus esforzos neste ámbito. Así, propuxo reforzar a posición deste órgano como axente dinamizador da economía galega para que deixe de estar centrado na tramitación de subvencións e pase a potenciar realmente a presenza galega en mercados exteriores. Ademais, Feijóo concretou que as posibilidades de internacionalización son máis doadas co incremento dun 65% dos fondos para este ámbito e da futura posta en marcha de 14 plataformas empresariais no exterior.

Apoio aos sectores produtivos
Tamén destacou o impulso ós sectores produtivos, tanto a través do apoio ós novos investimentos empresariais –que se incrementaron un 43% no último ano—como dos incentivos fiscais postos en marcha para facilitar a adquisición dunha vivenda e para fomentar a creación e a capitalización das empresas galegas. A maiores, recalcou que “non hai un só sector estratéxico que non teña recibido o apoio directo da Xunta para loitar contra a crise” e avanzou que seguirá traballando ó máximo para dar apoio ós principais ámbitos do tecido produtivo galego.

Cabe salientar, por exemplo, a aprobación dun Decreto de Electromobilidade como proba da aposta da Xunta pola promoción do vehículo eléctrico, e que se completa co obxectivo de contar cunha rede de ata 407 estacións de recarga en toda Galicia no horizonte de 2013. A isto, o presidente galego tamén sumou os programas postos en marcha para fomentar a compra de automóbiles, que permitiron o mantemento de 21.000 postos de traballo no sector; como a aprobación dunha estratexia transversal para a automoción co Plan Re-móvete Integral. Tamén aludiu ó sector naval, para o que xa se levan mobilizado máis de 80 millóns de euros, e, de forma concreta reiterou o seu compromiso para que a ría de Ferrol poida volver a construír e reparar barcos civís, algo que considerou moi necesario ante a falla de pedidos do estaleiro estatal Navantia.

No eido enerxético, considerou que as medidas postas en marcha pola Xunta van na liña adecuada para “recuperar o liderado na produción e desenvolvemento das enerxías renovables”, algo que é especialmente importante dada a “política errática” do Goberno central neste ámbito e que se ten traducido nunha suba da electricidade de case un 50%. De forma especial, subliñou a aprobación da Lei de Aproveitamento Eólico e o desbloqueo do maior concurso eólico da historia de Galicia, que mobilizará 6.000 millóns e promoverá a creación de 14.000 empregos. Na liña contraria, situou o Decreto do Carbón aprobado polo Goberno central que pon en risco máis de 3.000 empregos nas comarcas de Cerceda e As Pontes, polo que insistiu a disposición da Xunta a defender os intereses galegos.

Do mesmo xeito, garantiu o seu compromiso co sector da pesca, despois de que a negociación do Goberno central puxera en perigo máis de 4.000 empregos directos neste ámbito. Entre as medidas de apoio que se teñen aprobado no que vai de lexislatura, citou a nova Lei de Pesca, o Plan contra o Furtivismo o inicio da tramitación do Plan Director da Acuicultura. De cara ó futuro, adiantou que se aprobará un decreto para promover a comercialización dos produtos galegos do mar.

Ó longo da súa intervención, tamén reparou nas medidas de apoio que se poñerán en marcha para o sector da agricultura e gandería, como a elaboración por primeira vez dunha Lei de Montes ou a futura Lei de Mobilidade de Terras; e que se suman a outras postas xa en marcha como a aprobación do Plan Estratéxico para o sector Lácteo, a creación da marca de calidade Galega 100%, a posta en marcha da oficina agraria virtual, ou a creación da figura de agrupación forestal SOFOR.

Un dos sectores produtivos ós que dedicou especial atención foi a cultura e o turismo, fundamentalmente tralo éxito do pasado Xacobeo. Así, tras recordar que o Ano Santo 2010 foi o mellor da historia, propuxo aproveitar ó máximo a celebración do 800 aniversario da Catedral de Santiago, a apertura da Cidade da Cultura, ou a implantación da nova marca turística de Galicia. No tocante ó comercio, recordou a aprobación da Lei do Comercio ou a aplicación do Plan Ágora.

Unha Galicia máis competitiva
Tamén se referiu á mellora da liquidez como outra das súas prioridades fundamentais no ámbito económico. Entre outras medidas, recordou que se concederon máis de 1.500 avais que permitiron manter 16.000 empregos, a maior axilidade no cobro das axudas do Igape, o adianto en 2 meses de todas as subvencións concedidas, ou o pago ós provedores por baixo dos 30 días.

En materia de ordenación do territorio, asegurou que as medidas postas en marcha teñen permitido facer de Galicia unha comunidade “máis competitiva” e, de maneira especial, fixo fincapé na aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral e anunciou que se completarán coa aprobación do proxecto de Lei do Solo a finais deste semestre. Respecto a isto, pediu á oposición unha “postura construtiva” para afrontar o debate dun texto de tanta relevancia e propuxo a creación dunha comisión parlamentaria específica que canalice e impulse a futura normativa. Neste capítulo, tamén destacou a aposta pola vertebración do territorio a través do Plan MOVE e pola mobilidade a través do Plan de Transporte Metropolitano, que xa se puxo en marcha en catro cidades e que se comprometeu a estender ás tres restantes neste 2011.

Así mesmo, reiterou o seu compromiso coa creación de solo industrial, que aumentará nun 133% ata 2015, e co reequilibrio territorial, que exemplificou coa aprobación dos Plans Impulsa Lugo e Impulsa Ourense, o Programa REVIVE e a posta en marcha do Plan de Banda Larga. Neste último caso, avanzou que en 2011 se incrementará do 72% ao 84% a poboación con acceso a Internet de calidade.

O apoio ó capital humano a través da educación, das políticas de fomento da empregabilidade deseñadas no seo do Diálogo Social, e o apoio ós emprendedores son outras das liñas económicas máis importantes da Xunta, segundo Feijóo. Por outra banda, resaltou a aposta da Xunta por situar a Galicia á vangarda tecnolóxica coa Axenda Dixital 2014. gal, que mobilizará 1.600 millóns, así como por fomentar a innovación a través do Plan I2C, que implica un investimento de 1.200 millóns ata 2015 –un 45% máis do que contemplaba a anterior planificación--.

Garantía dos servizos públicos
En canto á xestión social, o presidente galego reiterou o compromiso da Xunta de blindar a prestación dos servizos públicos, como demostra o feito de que tres de cada catro euros dos orzamentos públicos se destinen a esta materia. Así, en primeiro lugar, transmitiu a “prioridade” de garantir a sostibilidade do sistema sanitario, que definiu como “un dos logros máis importantes da sociedade española”, que se comprometeu a mellorar coa aprobación dun proxecto de Lei de Garantías das Prestacións Sanitarias sempre e cando o Goberno central desbloquee o Fondo de Cooperación pendente de transferir á comunidade.

Tamén se referiu ó “esforzo sen precedentes” que está facendo a Xunta en materia de infraestruturas hospitalarias, que inclúe os novos hospitais públicos de Lugo, Vigo e Pontevedra, o compromiso de renovar o 50% das camas hospitalarias do Sergas e a ampliación das infraestruturas para Atención Primaria coa licitación de 19 novos centros de saúde. Para garantir a mellora dos servizos sanitarios públicos, Feijóo insistiu na necesidade de seguir apostando por medidas que permitan mellorar a eficiencia sanitaria, como é a aposta polos xenéricos ou as novas tecnoloxías.

Por outro lado, apuntou a aposta por incrementar os instrumentos en todos os eidos educativos e, entre outras medidas, citou a nova ordenación para a formación profesional, o deseño do novo mapa educativo ou a aprobación do Plan de Financiamento Universitario para os vindeiros cinco anos.

En canto ó ensino non universitario, destacou os avances do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que xa beneficia a 29.000 alumnos, así como do Plan Abalar que o próximo curso chegará a 31.500 alumnos. Así mesmo, aludiu ó futuro proxecto de Lei de Convivencia e participación na comunidade educativa, que considerou “necesario e oportuno” e convidou ós grupos a debater co obxectivo de mellorar o sistema educativo.

En canto o seu repaso polas medidas máis importantes en materia de Benestar, destaca o compromiso de que neste 2011 se incrementen nun 20% as prazas de garderías. Tamén subliñou que a Xunta atende ó triplo de dependentes, conta co dobre de prazas para maiores e puxo en marcha nestes 23 meses máis prazas de benestar que en toda a lexislatura anterior.

Debate construtivo
Na última parte da súa intervención, o presidente galego volveu facer unha chamada á unidade dos grupos parlamentarios para sacar adiante os “retos de país”. Así, considerou que algúns deles poñerán a proba a súa “xenerosidade e capacidade de concertación”, como a reforma do Estatuto de Autonomía. A piques de cumprirse 30 anos da publicación oficial do Estatuto vixente, Feijóo reiterou o seu compromiso cunha reforma “útil” a través dun “diálogo construtivo”.

Na súa opinión, o debate parlamentario é unha “oportunidade perfecta” para que todos os partidos demostren o seu compromiso cos cidadáns. “Os máximos responsables de que os cidadáns perciban ós políticos como un problema somos nós mesmos. Nós mesmos, como máximos culpables, debemos ser os responsables de volver ser considerados como parte da solución”, dixo, algo que na súa opinión se fai “cando se fala do que verdadeiramente interesa ó pobo, cando a proposta anula os excesos verbais, cando as ideoloxías se poñen a disposición da xente e non se pretenden impoñer, cando se busca a coincidencia en lugar de tentar agravar a diferenza ou cando o país pode máis que a militancia”.

Tras concluír que o Parlamento é onde “latexa o corazón da nosa democracia”, apostou por que o debate na Cámara sirva “para que desapareza a lonxanía entre os cidadáns e nós, os seus servidores”. “Ogallá que os ecos desta sesión que cheguen ao exterior deste Parlamento, sirvan para aumentar a resolución da nosa xente”, dixo a modo de conclusión.

1205 lecturas