Feijóo anuncia que a Xunta remitirá 23 novas leis ao Parlamento no que resta de lexislatura, das cales o 50% serán de contido económico

Destacou que “esta será, espero, a lexislatura con máis leis, pero sobre todo, con leis que afectan aos sectores económicos e aos sectores sociais de Galicia”.

Para o impulso económico, o Goberno remitirá á Cámara a Lei de montes, a Lei de vivenda, a Lei de innovación, a Lei de fomento do emprendemento, a Lei da industria marítima e a Lei de acuicultura, entre outras.

No eido social tramitaranse as Leis de inclusión social, de universidades, de discapacidade, de apoio ao retorno, de garantías de prestacións sanitarias, de publicidade institucional, de creación da axencia de sangue e tecidos, e a Lei de espectáculos públicos.

No marco institucional anunciou novas leis de función pública e da Xunta e a súa presidencia.

O presidente do Goberno galego dixo que o calendario pecharase con 64 novas normas aprobadas nesta lexislatura, o que supón un incremento do 20% con respecto ao período anterior, o de maior produción ata o momento.

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior ao Consello O Goberno da Xunta impulsará un total de 23 novas leis que remitirá ao Parlamento no que resta de lexislatura, o 50% das cales serán de contido económico, segundo anunciou onte o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. No balance exposto polo presidente da Xunta trala reunión do Consello, estes novos 23 textos que se remitirán á Cámara autonómica, unidas ás 41 leis xa aprobadas no que vai de lexislatura, sumarán un total de 64 novas leis, o que representa “un incremento do 20% de actividade lexislativa da anterior lexislatura, que temos que recoñecer que na anterior lexislatura foi a lexislatura con máis leis aprobadas en comparación con lexislaturas anteriores”. “Esta será, espero, a lexislatura con más leis , pero sobre todo con leis que afectan aos sectores económicos e aos sectores sociais de Galicia”, recalcou Núñez Feijóo.

Textos de nova remisión
Respecto aos textos de nova remisión, no eido económico, o presidente citou como “máis importantes, a Lei de montes, a Lei de vivenda, a Lei de innovación, a Lei de fomento do emprendemento, a Lei da industria marítima ou a Lei de acuicultura”. No ámbito social, Feijóo salientou como relevantes a Lei de inclusión social, a Lei de universidades, a Lei de discapacidade, a Lei de apoio ao retorno, a Lei de garantías de prestacións sanitarias, a Lei de publicidade institucional, a Lei de creación da Axencia de sangue e tecidos e a Lei de espectáculos públicos. “E desde o punto de vista do ámbito institucional, plantexaremos una nova lei de función publica e unha nova lei da Xunta e da súa Presidencia”, engadiu.

Leis aprobadas no que vai de lexislatura
No que atinxe ás 41 leis aprobadas no que vai de lexislatura, o presidente da Xunta destacou que representan “un 17% máis que no mesmo período da lexislatura anterior”. “ Isto é importante, pero tamén é importante saber que de cada dez leis que aprobamos, sete teñen contido económico”. É dicir, “70% de contido económico e 30% de contido social”, subliñou.

Como exemplo de textos contra a crise da débeda española, Núñez Feijóo mencionou “a Lei de disciplina orzamentaria e a Lei de teito de gasto, esta última que é a primeira que se aproba en España”. Para atallar os efectos da crise do consumo lembrou a aprobación da Lei relativa aos incentivos fiscais á vivenda para mozos e familias numerosas; e para minorar os efectos da crise dos sectores produtivos “respostamos coa Lei de pesca, coa Lei do comercio, coa Lei do turismo, coa Lei do naval e coa Lei eólica”. Así mesmo, referiuse a nova Lei de caixas para atallar os efectos da crise financeira e, no ámbito social, lembrou a aprobación da Lei de racionalización do gasto farmacéutico á proposta do Parlamento, a Lei de medios públicos de comunicación audiovisual, a Lei de convivencia e participación educativa, a Lei de apoio á familia, a Lei de acción voluntaria e a Lei do deporte.

Segundo explicou o presidente da Xunta, “estamos priorizando as leis que entendemos que teñen que cumprir dous obxectivos, que sexan útiles e que respondan ao cumprimento do programa electoral sancionado nas urnas o 1 de marzo do ano 2009”. Deste xeito, “case o 60% das leis promovidas ata o día de hoxe dan cumprimento ao compromiso electoral contido no programa co que nos presentamos ás eleccións”, concluíu Núñez Feijóo.

917 lecturas