O secretario xeral da Emigración participa nunha videoconferencia para fortalecer o irmandamento entre Chascomús e Lalín
A relación entre ambas localidades remóntase á época do presidente Alfonsín, neto de galegos que naceu en Chascomús e visitou Lalín xa como mandatario da República en xuño de 1984.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de participar nunha videoconferencia con distintas autoridades galegas e arxentinas na procura de fortalecer e poñer en valor o irmandamento existente entre os pobos de Chascomús e Lalín.
Neste sentido cómpre destacar que a relación entre ambas localidades se remonta á época de Raúl Ricardo Alfonsín como presidente da República Arxentina. Alfonsín, neto de galegos e que naceu en Chascomús en 1927, visitou Lalín como máximo mandatario do país suramericano en xuño de 1984, cumprindo así a promesa feita no seu momento ao Centro Lalín de Bos Aires de que se chegaba a presidente visitaría o Concello galego.
Durante a videoconferencia -na que tomaron parte, entre outros, o delegado da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguay, Alejandro López Dobarro; o presidente do Centro de Lalín, Agolada e Silleda de Galicia en Bos Aires, José Luís Seoane; a concelleira de Educación, Cultura, Turismo, CIM e Igualdade de Lalín, Begoña Blanco; e o intendente de Chascomús, Javier Gastón-, permitiu afondar en diversas accións conxuntas que permitan realzar o mencionado irmandamento entre ambos municipios.
Así, entre os temas abordados tratouse a posibilidade de realizar un intercambio de nomes de rúas de ambas cidades; fomentar intercambios virtuais entre institucións artísticas, de colectividades e histórico-patrimoniais; ou ampliar as relacións entre Lalín e Chascomús fomentando o dialogo para o emprendemento de novas accións conxuntas que fortalezan os lazos xa existentes.
Novas relacionadas




