Miranda aplaude o labor do Centro Español y de Repatriación de Santos e anímaas e anímaos no seu 125 aniversario a ser “os mellores embaixadores do próximo Xacobeo”
O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con representantes desta entidade animándoos a continuar o seu importante traballo a prol da difusión da cultura galega.
Interésase pola situación das cidadás e os cidadáns galegos que viven no Brasil, que están a sufrir as consecuencias da complexa situación que atravesa o país e a cobertura das súas necesidades.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro con representantes da directiva do Centro Español y de Repatriación de Santos –o ex presidente, Ricardo Álvarez, e Ana María Torres-. No mesmo, o titular do departamento autonómico recoñeceu e aplaudiu o “bo facer” desta entidade, animándoa a seguir na mesma liña, especialmente este ano no que celebran o seu 125 aniversario.
“É esta unha celebración moi especial, que fala, por si mesma, de lonxevidade e traballo ben feito. Por este motivo invítovos a aproveitar unha data tan sinalada para convertervos nos mellores embaixadores do próximo Xacobeo 2021”, salientou Rodríguez Miranda.
Neste marco, o secretario xeral interesouse polo importante traballo a prol da difusión da cultura galega que realiza un centro que suma case un milleiro de persoas asociadas das que o 60% son galegas. Así mesmo, puxo en valor as sinerxías creadas e consolidadas desta entidade coa Sociedad de Socorros Mutuos y Beneficiente Rosalía de Castro que, na mesma rexión do Brasil, ofrece aos galegos e galegas da diáspora a atención das súas necesidades sanitarias e sociais.
Preto de 50.000 galegas e galegos
Neste sentido, Rodríguez Miranda interesouse pola situación das cidadás e os cidadáns galegos que viven no país suramericano, que están a sufrir as consecuencias da complexa situación que atravesa o país e a cobertura das súas necesidades.
Segundo os últimos datos oficiais recollidos polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2019 vivían no Brasil 48.691 galegas e galegos, o que o converte no segundo país con maior presenza galega unicamente por detrás da Arxentina, que acubilla máis de 178.000. Do total de galegas e galegos que residen neste país, só o 25% naceu en Galicia, e o 75 % restante naceu xa no seu lugar de destino.
Novas relacionadas




