Miranda agradece ao Centro Recreativo Uniâo do Río Tea o seu traballo para “manter vivos os lazos” entre Galicia e as e os galegos residentes no Brasil

O secretario xeral da Emigración reúnese con José Regueira, presidente dunha entidade que desde hai anos realiza “un labor impagable” en prol do fomento dos valores e as tradicións da comunidade galega no país suramericano.

Subliña que esta, “coma o resto de asociacións do Brasil”, téñense convertido nos “rostros visibles da galeguidade” grazas ao seu “tesón e compromiso”, motivo polo que as e os anima a facer de “embaixadores” do Xacobeo 21 no país suramericano.

Miranda e Regueira, durante a reunión mantida na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Compostela
Miranda e Regueira, durante a reunión mantida na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro con José Regueira, presidente do Centro Recreativo Uniâo do Río Tea, en Salvador de Baía, a quen lle agradeceu o seu traballo para “manter vivos os lazos de unión” entre Galicia e os galegos e galegas residentes no Brasil. 

Neste marco, Miranda subliñou que esta, “coma o resto de asociacións do Brasil”, téñense convertido nos “rostros visibles da galeguidade” grazas ao seu “tesón e compromiso”, motivo polo que as e os animou a facer de “embaixadores” do Xacobeo 21: “Entre todos debemos converter o vindeiro Ano Santo na nosa mellor marca de identidade e o selo de calidade de todos os galegos, os da Galicia territorial e os que residen no resto do mundo”.

Miranda aproveitou, así mesmo, para trasladar ao máximo representante da entidade galega o apoio da Secretaría Xeral da Emigración ao “labor impagable” que desde hai anos realiza en prol do fomento dos valores e as tradicións da comunidade galega no país suramericano. O titular do departamento do Goberno galego comprometeuse, deste xeito, a continuar colaborando coa asociación para que poida ter ao día as súas instalacións de Salvador de Baía.

O segundo país do mundo con máis galegas e galegos
O Brasil é o segundo país do mundo cunha maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, con 48.691 residentes, só por detrás da Arxentina, que segue a encabezar a listaxe con máis de 178.000 galegas e galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), con data 1 de xaneiro de 2019. Do total de persoas galegas residentes en Brasil preto do 25%, é dicir, 11.386 foron nadas en Galicia; o resto son descendentes xa nacidas no país de destino.

612 lecturas