Miranda aplaude a colaboración entre os centros galegos da rexión brasileira de Santos como fórmula para complementar os seus ámbitos de actuación

O secretario xeral da Emigración reuniuse con Manuel Enríquez, que ostenta responsabilidades tanto na sociedade Rosalía de Castro como no centro Español y de Repatriación. 

Ambas entidades manteñen unha sinerxía que lles permite abranguer tanto a atención social das cidadás e dos cidadáns galegos residentes no Brasil como as súas actividades culturais.

Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aplaudiu o sistema de traballo conxunto que realizan diariamente na rexión brasileira de Santos a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro e o Centro Español y Repatriación, e que lles permite cubrir grande parte das necesidades dos galegos e galegas residentes nesta zona de Brasil. O responsable autonómico mantivo unha reunión cun dos representantes que comparten ambas entidades, Manuel Enríquez, quen compatibiliza o seu cargo de vicepresidente deste último centro con outro na directiva de Rosalía de Castro.

As sinerxías creadas e consolidadas entre estas dúas institucións incrementan o seu ámbito de actuación tanto a nivel cualitativo como cuantitativo, xa que facilita a chegada a un número maior de persoas para atender as súas necesidades sanitarias e de atención como sociais. Das primeiras encárgase principalmente a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro a través dos diversos programas e instalacións dirixidas á atención das e dos maiores e das persoas sen recursos. O Centro Español y Repatriación de Santos, pola súa banda, está centrado na programación social e cultural do que gozan moitas e moitos dos galegos que residen nesta rexión do país.

Preto de 50.000 galegas e galegos
Miranda, quen visitou a entidade social de Santos o pasado mes de febreiro para asinar un novo convenio que garante o mantemento do seu centro de día, interesouse pola situación das cidadás e dos cidadáns galegos que viven no país suramericano, que están a sufrir as consecuencias da complexa situación que atravesa o país e a cobertura das súas necesidades. 

Segundo os últimos datos oficiais recollidos polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2018 vivían no Brasil 48.441 galegas e galegos, o que o convirte no segundo país con maior presenza galega unicamente por detrás da Arxentina, que acubilla 175.000. Do total de cidadás e cidadáns galegos que residen neste país, só o 24,75 % naceu en Galicia, e preto do 75 % restante, naceu xa no seu lugar de destino.

624 lecturas