Miranda aplaude o labor do Centro Español y de Repatriación de Santos e anímaas e anímaos no seu 125 aniversario a ser “os mellores embaixadores do próximo Xacobeo”

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con representantes desta entidade animándoos a continuar o seu importante traballo a prol da difusión da cultura galega.

Interésase pola situación das cidadás e os cidadáns galegos que viven no Brasil, que están a sufrir as consecuencias da complexa situación que atravesa o país e a cobertura das súas necesidades.

Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Compostela
Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de manter un encontro con representantes da directiva do Centro Español y de Repatriación de Santos –o ex presidente, Ricardo Álvarez, e Ana María Torres-. No mesmo, o titular do departamento autonómico recoñeceu e aplaudiu o “bo facer” desta entidade, animándoa a seguir na mesma liña, especialmente este ano no que celebran o seu 125 aniversario. 

“É esta unha celebración moi especial, que fala, por si mesma, de lonxevidade e traballo ben feito. Por este motivo invítovos a aproveitar unha data tan sinalada para convertervos nos mellores embaixadores do próximo Xacobeo 2021”, salientou Rodríguez Miranda. 

Neste marco, o secretario xeral interesouse polo importante traballo a prol da difusión da cultura galega que realiza un centro que suma case un milleiro de persoas asociadas das que o 60% son galegas.  Así mesmo, puxo en valor as sinerxías creadas e consolidadas desta entidade coa Sociedad de Socorros Mutuos y Beneficiente Rosalía de Castro que, na mesma rexión do Brasil, ofrece aos galegos e galegas da diáspora a atención das súas necesidades sanitarias e sociais. 

Preto de 50.000 galegas e galegos
Neste sentido, Rodríguez Miranda interesouse pola situación das cidadás e os cidadáns galegos que viven no país suramericano, que están a sufrir as consecuencias da complexa situación que atravesa o país e a cobertura das súas necesidades. 

Segundo os últimos datos oficiais recollidos polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2019 vivían no Brasil 48.691 galegas e galegos, o que o converte no segundo país con maior presenza galega unicamente por detrás da Arxentina, que acubilla máis de 178.000. Do total de galegas e galegos que residen neste país, só o 25% naceu en Galicia, e o 75 % restante naceu xa no seu lugar de destino.

En imaxes
162 lecturas