Miranda reúnese co presidente da Sociedade de Socorros Mútuos Rosalía de Castro de Santos para analizar a situación e necesidades das persoas galegas residentes no Brasil

No Brasil vive unha importante comunidade de galegas e galegos, 49.970, sendo o segundo país do continente americano onde máis cidadás e cidadáns galegos residen.

A entidade desenvolve unha política socioasistencial ás persoas galegas, atendendo de xeito habitual a preto dunha vintena delas.

Imaxe da reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Imaxe da reunión celebrada no despacho do secretario xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse co presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, Casto Vieitez Fernández, para analizar a situación e necesidades da comunidade española que reside no Brasil, onde tamén vive unha importante colectividade de galegas e galegos, preto de 50.000, sendo o segundo país do continente americano onde máis cidadás e cidadáns galegos residen, trala Arxentina. 

Rodríguez Miranda e Vieitez Fernández destacaron a recente firma dun acordo de colaboración a través do que a Secretaría Xeral da Emigración destina 12.000 euros a esta entidade para a axuda na atención socioasistencial e sanitaria básica ás persoas galegas maiores ou descendentes residentes en Santos, Brasil, que, por razóns de carencia ou dependencia, se atopen nunha situación de necesidade e non poidan afrontar os custos. 

A Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como finalidade desenvolver unha política orientada a mellorar a asistencia social desinteresada das persoas da terceira idade necesitadas pertencentes á colectividade galega, atendendo de xeito permanente a preto dunha vintena de galegas e galegos. 

300 lecturas