Os Obradoiros de Sabores da Secretaría Xeral da Emigración amosan a máis de 230 profesionais e restauradores da Arxentina e O Uruguai as bondades da gastronomía galega
“Saborea Galicia”, a exhibición levada a cabo polo chef Jorge Gago no Uruguai, dedica a súa clausura a alumnado e profesorado seleccionado polo Instituto Nacional de Empleo y Formación Profesional.
Preto de 200 persoas, entre profesionais do sector da alimentación, a comunicación e a distribución, e alumnas e alumnos e profesorado de diferentes centros de ensino de hostalería da Arxentina e O Uruguai pasaron durante a última semana polo Club Español de Bos Aires e o restaurante García de Montevideo para asistir a algún dos oito showcookings que o chef Jorge Gago ofreceu dentro da iniciativa de obradoiros de sabores organizados pola Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería de Mar, a Consellería do Medio Rural, a Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Axencia Galega de Turismo e o IGAPE.
O último grupo que recibiu as leccións prácticas do gañador do Premio Cociñeiro Novo 2017 no Fórum Gastronómico de Galicia e cociñeiro do restaurante A Maceta de Santiago de Compostela foi o que onte á tarde acudiu ao García a través do Instituto Nacional de Empleo y Formación Profesional do Uruguai. Tratábase de estudantes e mestras e mestres de diferentes escolas de restauración do país seleccionados polo Goberno uruguaio para formar parte destes reducido grupo de asistentes. As elaboracións que o chef realizou en directo para as e os máis de 230 profesionais do sector serviron para achegarlles as bondades da nova cociña galega, baseada en produtos tradicionais galegos procedentes da terra e do mar tratados cos métodos máis actuais, que puxeron Galicia no mapa da gastronomía mundial.
Gran expectación en ambos países
A elevada expectación que espertou este evento en ambos países levou ao Goberno galego a incrementar o número de prazas dispoñibles de 25 a 30 en cada un dos pases, a excepción daqueles organizados en colaboración cos Gobernos arxentino e uruguaio, que mantiveron a matrícula convida. Foron, así, máis de 230 as e os asistentes que viron cociñar en vivo ao chef, natural de Caldas de Reis e afincado na capital galega, que tiveron a oportunidade de degustar a calidade tanto da materia prima como da elaboración da cociña galega.
Novas relacionadas




