Máis de 150 profesionais do sector da hostalería e a alimentación do Uruguai asistiron á segunda edición do “Saborea Galicia” da man do estrela Michelin Rafa Renteno

Tralo acto de clausura o chef do restaurante Maruja Limón de Vigo impartiu unha clase maxistral a alumnado e docentes de diferentes escolas de restauración que superou as expectativas de solicitudes.

Imaxe da xornada de clausura de hoxe en Motevideo
Imaxe da xornada de clausura de hoxe en Motevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019.

Un total de máis de 150 profesionais de diferentes sectores relacionados coa gastronomía e a alimentación do Uruguai asistiron a algunha das sesións que conformaron “Saborea Galicia”, a iniciativa organizada pola  Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Consellería do Mar, a Consellería do Medio Rural e a Fundación Pública Artesanía de Galicia, cuxo obxectivo é “poñer en valor tanto a materia prima de Galicia como as súas posibilidades dentro da cociña elaborada e moderna, na que a comunidade xoga un papel fundamental con once estrelas Michelin e o sexto posto nacional en número destes galardóns”. 

Xornalistas, profesionais da distribución, a hostalería e a restauración e outras e outros responsables de diferentes áreas e autoridades uruguaias déronse cita ao longo destes dous días no restaurante García de Montevideo para participar nestas novas xornadas gastronómicas da Xunta nas que, ademais de degustar produtos do noso mar e a nosa terra, tiveron oportunidade de escoitar directamente de expertos de Medio Rural e de Mar as súas características, peculiaridades e beneficios, así como as súas posibilidades culinarias.

Elevada demanda de alumnado e docentes de todo o país
A última das sesións consistiu nunha clase maxistral que o chef do restaurante Maruja Limón de Vigo, Rafa Centeno, que conta cunha estrela Michelin, impartiu a preto de medio cento de alumnas e alumnos e docentes de diferentes centros de ensino de hostalería e escolas de restauración do Uruguai a través do Instituto Nacional de Empleo y Formación Profesional (INEFOP) que foron seleccionadas e seleccionados polo Goberno uruguaio.  

Malia que inicialmente estaba previsto que a este derradeiro showcooking asistiran entre 25 e 30 estudantes e profesoras e profesores especializados no sector, finalmente foron máis de medio cento as solicitudes que se recibiron, polo que a Secretaría Xeral da Emigración optou por ampliar o número de prazas existentes, de xeito que puideran acudir mesmo aspirantes interesadas e interesados que quedaron fóra na anterior convocatoria, celebrada o 20 e o 21 de novembro de 2018.  

Castañas, algas, grelos e viño
Os pratos que integraban o menú deseñado por Centeno foron elaborados con produtos das empresas participantes: Queixería Prestes, queixos de Arzúa-Ulloa da Queixería Bama; Galletas Mariñeiras Da Veiga; algas de Portomuiños,  Conservas Peperetes, Fabas de Lourenzá (Terras da Mariña), Castaña Galega (Naiciña), Grelos Rosaleira, Tarta de Santiago (Lestedo), licor café ISP de Galicia de marca Segrel, lacón galego (Jamones González) maridados con viños das 5 D. O. de Galicia. Así mesmo, os viños seleccionados para a acción (premiados nas Catas de Viños de Galicia 2018) son Manuel Rojo Colleiteiro Branco 2017 D.O. Ribeiro, Veiga da Princesa Albariño 2017 D.O. Rías Baixas, Peza do Rei Tinto 2017 D.O. Ribeira Sacra, D’Berna Godello 2017 D.O. Valdeorras, e Crego e Monaguillo Tinto 2017 D.O. Monterrei. 

96 lecturas