Miranda subliña que os Obradoiros de Sabores achegan a Río de Xaneiro “todas as bondades da gastronomía galega”

O secretario xeral da Emigración gaba a calidade e a variedade gastronómica galega, posta de manifesto neste nova edición dos showcookings que ven organizando o goberno galego nos últimos dous anos.  

O prestixioso cociñeiro galego André Arzúa foi o encargado de conducir esta iniciativa. 

  • Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
    Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
  • Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
    Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
  • Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
    Imaxe da inauguración deste mediodía en Río de Xaneiro dos 'Obradoiros de Sabores'
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro (Brasil), 18 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo embaixador de España, Fernando García Casas, e polo cónsul, Luis Prados Covarrubias, asistiu hoxe a unha nova edición dos Obradoiros de Sabores, que desta volta están a achegar a Río de Xaneiro “todas as bondades da gastronomía galega”. Non en van, esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, ten como obxecto a promoción de produtos alimentarios de orixe galega, nos ámbitos relacionados co empresariado galego no exterior.

“Hai poucos sitios nos que un galego se poida sentir máis a gusto que en Río de Xaneiro e rodeado de bos produtos do mar e a terra galegos, e de chefs que os saben converter nun tesouro único. Os Obradoiros de Sabores naceron coa idea de traer a esta beira do Atlántico, que sentimos case tan nosa como a outra, un pouco máis de nós. Logo de coidar dos nosos compatriotas, de integralos na vosa cultura, costumes e realidade cotiá, queríamos facervos partícipes tamén deste luxo co que nos agasalla todos os días a nosa terra: a cociña”, salientou Miranda.

Neste sentido, cómpre salientar que os Obradoiros de Sabores son un espazo especialmente deseñado para dar a coñecer os produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, así como da industria agroalimentaria galega, ás e aos representantes máis relevantes dos sectores da comercialización por xunto, importadores e restauradores do país. Nel a prensa especializada tamén ten un lugar relevante, transformando a iniciativa nun escaparate dos produtos galegos comercializados, neste caso, no Brasil. 

Así, durante o showcooking/degustación –que se desenvolve durante hoxe e mañá no Restaurante Victoria- infórmase ás e aos asistentes das especiais características dos produtos galegos, facendo especial fincapé nos produtos galegos de calidade diferenciada e de marcas de calidade

Cabe por en valor, unha vez máis, que Galicia conta 35 produtos amparados por Denominación de Orixe Protexida e Indicación Xeográfica Protexida, avalados pola UE. Ademais de ter 11 restaurantes con Estrela Michelin, a nosa comunidade posúe tres das catro provincias entre as 20 máis importantes de España pola súa gastronomía.

“Calidade e prestixio” nas mans dun chef galego 
Nesta ocasión, o evento estivo conducido polo chef André Arzúa, con experiencia na xestión de diversos locais en Galicia. A nivel internacional, impartiu cursos en diferentes países como Suíza, Cuba, Bolivia ou Brasil. Na actualidade, Arzúa –que presentou un programa de cociña na TVG chamado A cociña de André-, ten inaugurado “Espazo Abella”, un centro de formación e divulgación gastronómica para profesionais do sector que inclúe un plató para a gravación de programas.

En definitiva, e como apuntou Miranda, “un chef  referente da nosa gastronomía que suma calidade e prestixio” para conducir unhas xornadas que contaron tamén coa presenza de numerosas e numerosos profesionais de distintos sectores relacionados coa gastronomía e a alimentación do Brasil. 

452 lecturas