Miranda amosa o apoio de Emigración á procura de fórmulas que garantan a continuidade e fortalecemento das actividades do Centro Galego de Mallorca
En audiencia na sede da Secretaría Xeral da Emigración, a presidenta ofreceu actualización de información e perspectivas de futuro ao mandatario autonómico.
Continuando co seu permanente labor de contacto directo cos e coas representantes da diáspora galega, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho á presidenta do Centro Galego de Mallorca, Carmen González Moreno, quen fixo o relatorio da actualidade desta entidade, que está a valorar distintas fórmulas de futuro para o mantemento das súas actividades na capital balear.
Precisamente, o secretario xeral amosou o apoio do seu departamento ás medidas que está a adoptar a comunidade galega da illa mediterránea para garantir a continuidade destas actividades no futuro, e gabou o esforzo que está a realizar a directiva neste sentido.
Dende a súa creación en 1986, o Centro Galego de Mallorca ten realizado diversas actividades, con escola de gaitas, baile, teatro, e múltiplas actividades sociais, lúdicas, e culturais. Ademais de celebrar a Semana das Letras Galegas, mantéñense exposicións, concursos infantís, actuacións folclóricas internacionais, conferencias, e un amplo abano de accións encamiñadas a manter viva a chama da Galeguidade na capital balear, sempre con ampla participación da poboación autóctona, e en estreita colaboración coas autoridades locais.
Miranda achégase, mediante estas entrevistas e durante as súas estadías en Galicia, á realidade do millón de galegos e galegas que viven fóra da Comunidade Autónoma, 500.000 no estranxeiro e un número similar noutras terras españolas: “O contacto permanente e renovado con aquelas e aqueles que viven a diario, e alimentan, o mantemento da Galeguidade, inspira o noso traballo e supón un alicerce para as nosas políticas”, afirma o responsable autonómico de Emigración.
Novas relacionadas




