Miranda recibe á presidenta do Lar Galego de Pamplona e compromete o mantemento do apoio de Emigración á súa actividade
O secretario xeral da Emigración coñeceu as recentes accións da única comunidade galega de Navarra, presente na rexión desde hai máis de 65 anos.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho a María Jesús Rodríguez García, presidenta do Lar Galego de Pamplona, quen lle deu conta das recentes actividades desenvolvidas por esta comunidade galega, a única existente nesta rexión e que leva máis de sesenta e cinco anos espallando e divulgando a cultura galega, e organizando todo tipo de actividades sociais e recreativas para irmandar ás galegas e galegos residentes alí, e a estes coa sociedade de recepción.
Rodríguez Miranda comprometeu o apoio do seu departamento, e do resto da Xunta de Galicia, para dar respaldo ao proceso de revitalización que vive a entidade e que está atraendo de maneira salientable ás segundas xeracións de galegas e galegos. Neste sentido, o responsable da Secretaría Xeral da Emigración comprometeu “o apoio deste departamento e de toda a Xunta ao labor que está a realizar a directiva do Lar, e que tan bos froitos está dando no mantemento e fortalecemento das ligazóns dos máis novos coa terra de orixe dos seus pais e avós”.
O Lar Galego de Pamplona foi fundado oficialmente en 1950, aínda que tempo atrás as e os galegos residentes na capital navarra xa organizaban actividades comúns para sementar a Galeguidade na Comunidade Foral. Conta cun local social en propiedade, con salón social, biblioteca, e amplo sala para ensaios do grupo de danzas, unha das actividades máis salientables do Lar. A entidade está presente en cantas manifestacións culturais se promoven na cidade, sendo a súa actividade social e cultural amplamente recoñecida polas institucións locais.
Novas relacionadas