A axenda exterior da Xunta nos últimos seis meses centrouse na busca de novas oportunidades para as empresas galegas
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE compareceu no Parlamento para dar conta das viaxes oficiais das e dos altos cargos da Administración galega ao exterior.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou esta mañá no Parlamento a preeminencia do factor económico na axenda exterior da Xunta dos últimos seis meses, especialmente á do presidente Alberto Núñez Feijóo nas súas viaxes a México e Panamá, Xapón e Alemaña.
Gamallo compareceu na Cámara galega para dar conta dos obxectivos, a axenda e os resultados das viaxes institucionais realizadas fóra do territorio do Estado, tal e como fai cada semestre, en cumprimento do Código ético institucional de viaxes da Xunta.
Segundo explicou o director xeral, nesta primeira metade do ano “a acción exterior do Goberno galego descansou sobre tres grandes piares, que atinxen a busca de oportunidades exteriores para os nosos sectores produtivos, a defensa dos nosos intereses na Unión Europea e a atención a nosa diáspora, sen desbotar outras motivacións, como a promoción turística, cultural e institucional”.
Axenda do presidente da Xunta
A primeira das grandes viaxes do presidente ao exterior foi a México, onde Feijóo reuniuse con empresariado galego e coas máis altas autoridades do país azteca. Así mesmo, esta viaxe reforzou as relacións entre Galicia e Pemex, a través de varias reunións nas que se puxo en valor a importante aposta feita polo sector naval galego e se afondou en máis posibilidades de negocio que mobilice emprego nos nosos estaleiros e industria auxiliar.
A viaxe a México viuse complementada coa posterior visita a Panamá, que tivo a súa motivación na necesidade de aproveitar as oportunidades que agora van abrirse coa ampliación da canle que comunica o Atlántico co Pacífico, e que poden estenderse aos portos galegos, ben posicionados xa grazas ós investimentos realizados durante os últimos anos.
Pola súa banda, a viaxe do presidente a Xapón, destacou pola súa dobre vertente institucional e económica. Na primeira, dentro do marco institucional do ano dual España-Xapón, que cadra coa pasada visita a Galicia tanto do herdeiro do trono xaponés, o príncipe Naruhito, como a máis recente do primeiro ministro nipón, Shinzo Abe. No ámbito económico Gamallo explicou que a viaxe tamén valeu para a “excepcional oportunidade” que Xapón representa como gran consumidor de produtos mariños e agroalimentarios, ademais de produtos téxtiles e de servizos turísticos, e de gran investidor internacional.
A terceira gran viaxe de contido económico do presidente rematou hai uns días e foi a Alemaña, onde mantivo xuntanzas co alcalde e xefe de Goberno de Hamburgo, Olaf Scholz, e con directivos da Volkswagen na súa central de Wolfsburg, no Estado de Niedersachsen-Baixa Saxonia. A busca de novas oportunidades de negocio para a nosa industria auxiliar do automóbil, para os nosos portos e servizos turísticos, ademais da venda dos nosos produtos neses mercados, foron os catalizadores desta viaxe, na que, como aconteceu nas anteriores, estivo acompañado polo conselleiro de Economía e Industria.
Por último, o presidente tamén se desprazou a Oporto o 9 de maio, día de Europa, co gallo de asinar o instrumento de ampliación da Macrorrexión que Galicia impulsa e comparte con Asturias, Castela e León, e as rexións Norte e Centro de Portugal, abranguendo un territorio de máis de 12 millóns habitantes.
Conselleiros e conselleiras e altos cargos
Dentro aínda dos desprazamentos de contido económico, Gamallo se referiu, entre outros, ás dúas viaxes da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a Bruxelas e A Habana. No primeiro caso, para tentar que a UE destine máis recursos e medios para afrontar as ameazas demográficas que encara Galicia. Alí mantivo un encontro con persoas membros do Comité das Rexións, do Parlamento Europeo e co Comisario Lazslo Andor, que foi moi receptivo ó prantexamento galego do problema. Pola súa banda, na viaxe a Cuba mantivo encontros con responsables gobernamentais para expor o modelo galego de cooperativismo, que podería ser de utilidade na nova senda de apertura económica que impulsa a illa.
No que respecta á promoción do turismo, Gamallo explicou as viaxes da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a Bruxelas, Berlín e Xapón; así como do presidente de Portos de Galicia a Roma, onde acudiu para presentar os actos do VIII centenario da peregrinaxe de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela e da Travesía Náutica Xacobea.
No eido da atención á diáspora galega, o director xeral destacou a viaxe que o Vicepresidente da Xunta realizou a Brasil o pasado mes de marzo, onde participou no 50 aniversario do centro galego-español de Niteroi, e mantivo encontros coa asociación de empresarios galegos de Río de Xaneiro e con diversas autoridades brasileiras. Ademais, e como non podería ser doutro xeito, referiuse aos normais desprazamentos do secretario xeral de Emigración, que durante este semestre pasou por Venezuela, México, Uruguai, Arxentina, Suíza, Brasil, Perú, Chile, Estados Unidos e Cuba.
As restantes viaxes tiveron a súa fundamentación na atención a asuntos máis específicos de cada departamento. É o caso da directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública , que viaxou a Dinamarca e Escocia, no seo dun partenariado europeo LifeKic; e a Bruxelas, para asistir ó Seminario Innovative tools in support of 2014-2020. A directora xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS foi en dúas ocasións a Bruxelas, co gallo do Foro Europeo sobre a diabete e da cimeira sobre enfermidades crónicas, e unha a Estocolmo, onde participou na reunión Karolinska de xerentes hospitalarios.
Novas relacionadas



