Feijóo destaca que a viaxe a México ten servido para afondar no compromiso entre Pemex e os estaleiros galegos, que abre a posibilidade de novas contratacións e máis traballo conxunto

O titular da Xunta remata a súa estadía México satisfeito polos avances acadados na viaxe, e pon agora rumbo a Panamá.

“Ímonos certamente optimistas e confiados en que isto vai poder facerse e que ao longo dos vindeiros meses iremos conformando esta posibilidade de novos contratos”, manifesta.

Explica que a reunión mantida coa dirección xeral de Pemex serviu para “agradecer o xa conseguido” e “afondar en máis posibilidades de negocio, máis posibilidades de construción naval. Máis posibilidades, en definitiva, de dar emprego aos estaleiros galegos”, remarca.

Precisa que a súa presenza en México permitiu, ademais, afondar nas relacións co Goberno do país, en concreto co departamento de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano, que dirixe Jorge Carlos Ramírez Marín.

Constata as necesidades de México de seguir construíndo e facendo máis edificacións, vivendas e rehabilitación de espazos urbanos, e expresa a súa confianza en que tamén as empresas galegas poidan tomar parte deses proxectos.

  • O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
    O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
  • O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
    O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
  • O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
    O presidente da Xunta na visita que realizou, xunto ao consellero de Economía e Industria, ás instalacións petrolíferas de Pemex.
Listen to this page using ReadSpeaker
México D.F., 17 de marzo de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a viaxe que realizou estes días a México ten servido para afondar no compromiso de construción naval entre Pemex e os estaleiros galegos, que abre a posibilidade de novas contratacións e máis traballo conxunto coa petroleira mexicana. “Teño que dicir que xa neste momento podemos confirmar que ampliamos o compromiso de construción naval entre Pemex e os estaleiros galegos e temos xa, por que non, que pensar en ampliar, sobre o xa conseguido, posibilidades de novas contratacións e de traballo conxunto”, subliñou.

Ao rematar a súa estadía en terras mexicanas para poñer rumbo a Panamá, o mandatario galego expresou a súa satisfacción polos avances acadados na viaxe, onde tivo a oportunidade de visitar as instalacións petrolíferas da multinacional. “Ímonos certamente optimistas e confiados en que isto vai poder facerse e que ao longo dos vindeiros meses iremos conformando esta posibilidade de novos contratos”, manifestou.

En México, concretou, “aproveitamos para ter unha reunión a maior nivel coa dirección xeral de Pemex, tanto co director xeral -Emilio Lozoya Austin- como cos seus principais directivos; en primeiro lugar, para agradecer o xa conseguido e, en segundo lugar, para afondar en máis posibilidades de negocio, máis posibilidades de construción naval. Máis posibilidades, en definitiva, de dar emprego aos estaleiros galegos”, remarcou.

Segundo afirmou, a viaxe serviu para constatar tamén “que o mundo do petróleo é todo un sector económico dunha enorme importancia no mundo”. O número de plataformas e de barcos complementarios e de apoio a cada unha delas, dixo, “é todo un sector económico e industrial, e Galicia ten que estar aí, temos que incorporarnos e temos que buscar o noso oco no sector do petróleo tomando neste caso como referencia a Pemex como o noso aliado estratéxico”, aseverou.

O presidente da Xunta precisou, ademais, que a súa presenza en México permitiu afondar nas relacións co Goberno do país, en concreto co departamento de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano, que dirixe Jorge Carlos Ramírez Marín.

Neste sentido, Feijóo puxo de relevo as necesidades de México de seguir construíndo máis edificacións e vivendas, e de rehabilitar espazos urbanos. E, neste punto, expresou a súa confianza en que tamén as empresas galegas poidan tomar parte deses proxectos. “A relación co ministro do ramo é unha relación cordial e eu espero que empresas consultoras, e empresas de enxeñaría e de dirección e seguimento de obra poidan ter oportunidades, igual que empresas construtoras galegas”.

Rumbo a Panamá
O mandatario galego emprende agora viaxe cara a Panamá, onde desenvolverá tamén unha axenda institucional e económica co obxectivo de “repetir o platexamento de abrir a nosa economía, de seguir exportando máis, de que a nosa balanza comercial cada vez sexa máis positiva en exportacións e que a globalización da economía galega non só sexa vender aos países da UE senón, sobre todo, abrila aos países de América e suposto, tentar conseguir investimento americano, investimento mexicano e panameño, en Galicia”, sinalou.

Trátase, en definitiva, dixo, “dunha viaxe económica, institucional” e, tamén, dixo, unha viaxe para visitar a colectividade galega en ambos os dous países. Lembrou, así, o encontro “entrañable” que mantivo estes días cos emigrantes galegos e galegas en México no Centro Galego do país, na homenaxe ao que foi presidente da institución durante 12 anos, Luis Piñeiro. “Polo tanto, -agregou-, máis economía, máis capacidade de exportacións galegas e máis relacións entre o Goberno galego, e o Goberno mexicano e o Goberno panameño”.

Un esforzo conxunto entre as empresas e a Administración
Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, que acompaña ao presidente da Xunta nesta viaxe, Francisco Conde, asegurou que a Xunta segue centrando a súa política económica “no emprendemento, na innovación e na internacionalización”, apoiando ás empresas para acadar maior competitividade e impulsando a presenza dos nosos empresarios no exterior.

Precisou que esa competitividade “tense que plasmar nos mercados internacionais, gañando cota de mercado e, polo tanto, achegando os nosos produtos a mercados internacionais como é o caso de México ou de Panamá” e, neste sentido, avogou por facer “un esforzo conxunto entre as empresas e a Administración para gañar cota de mercado, e para seguir crecendo e creando emprego”.

1245 lecturas