A directora de Turismo e mailo secretario xeral da Emigración reciben a unha delegación da Câmara Municipal de Río de Xaneiro

Nava Castro, Rodríguez Miranda, e representantes do Concello de Santa Comba (irmandado co de Río), recibiron ao grupo encabezado polo representante da área de turismo, Elton Jorge Hauat.

No centro, a directora de Turismo Nava Castro; á súa esquerda, Rodríguez Miranda; e á dereita, Elton Jorge Hauat.
No centro, a directora de Turismo Nava Castro; á súa esquerda, Rodríguez Miranda; e á dereita, Elton Jorge Hauat.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2013.

A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e mailo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuníronse con representantes da Câmara Municipal (Parlamento autonómico) de Río de Xaneiro, encabezados polo vereador (deputado) da área de Turismo, Elton Jorge Hauat, acompañados por representantes do Concello de Santa Comba. Este municipio coruñés está oficialmente irmandado co carioca, debido ao importante número de cidadás e cidadáns nados na comarca do Xallas que residen arestora naquela megalópole brasileira.

O obxecto da xuntanza era analizar as actuais relacións entre a importante colonia galega que atopou alí o seu segundo fogar, e a sociedade de adopción. A diáspora proveniente de Galicia é unha das máis activas, e tamén das que gozan dun maior grao de inserción nos diferentes ámbitos culturais, sociais, empresariais e mesmo políticos da vida carioca.

Estudouse a posibilidade de encetar novos proxectos comúns nestes ámbitos, e moi nomeadamente as vías de colaboración entre o goberno municipal de Río (cidade de case seis millóns e medio de habitantes, que se duplican na área metropolitana) e a Xunta de Galicia no campo da promoción turística mutua. De igual xeito, no sentido da promoción turística, as e os responsables turísticos abordaron temáticas relacionadas cos Carnavais, tanto de Río de Xaneiro como dos Entroidos en Galicia.

As persoas representantes de ambos territorios requiriron asemade información sobre as vías de apoio ao investimento que se están a desenvolver nas dúas beiras do Atlántico, coa fin de coñecer as oportunidades de negocio para as e os emprendedores, e da capacidade de facer máis atractiva a internacionalización para o capital foráneo.

1267 lecturas