Miranda finaliza a súa viaxe por Brasil asinando un protocolo para a promoción de Galicia en Río de Xaneiro, en colaboración co empresariado turístico galego na cidade

No acordo participan, ademais da propia Secretaría Xeral da Emigración e a Axencia Turismo de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación de Empresarios Galegos en Río, que posúen un peso específico moi relevante no sector hostaleiro da principal cidade brasileira.

Trala visita a entidades galegas con presenza no país, e participar no 75 aniversario da máis senlleira entidade en materia asistencial, Miranda volve a Galicia para iniciar en breve unha viaxe a Venezuela.

  • Imaxe da sinatura do protocolo. Por orde (de esquerda a dereita): José Oreiro (propietario da cadea Windsor), Antonio Rodríguez Miranda, Eloy Fernandez (presidente de Aega-Río) e Pablo Figueroa (Conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España)
    Imaxe da sinatura do protocolo. Por orde (de esquerda a dereita): José Oreiro (propietario da cadea Windsor), Antonio Rodríguez Miranda, Eloy Fernandez (presidente de Aega-Río) e Pablo Figueroa (Conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España)
  • Imaxe da sinatura do protocolo. Por orde (de esquerda a dereita): José Oreiro (propietario da cadea Windsor), Antonio Rodríguez Miranda, Eloy Fernandez (presidente de Aega-Río) e Pablo Figueroa (Conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España)
    Imaxe da sinatura do protocolo. Por orde (de esquerda a dereita): José Oreiro (propietario da cadea Windsor), Antonio Rodríguez Miranda, Eloy Fernandez (presidente de Aega-Río) e Pablo Figueroa (Conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España)
  • O secretario xeral da Emigración tamén mantivo unha xuntanza con Claudio Magnavita Castro, director da Convention and Visitors Bureau de Río de Xaneiro, na que trataron sobre o desenvolvemento do protocolo asinado en materia de promoción de Galicia e a participación do Bureau no futuro convenio que o desenvolva
    O secretario xeral da Emigración tamén mantivo unha xuntanza con Claudio Magnavita Castro, director da Convention and Visitors Bureau de Río de Xaneiro, na que trataron sobre o desenvolvemento do protocolo asinado en materia de promoción de Galicia e a participación do Bureau no futuro convenio que o desenvolva
  • Miranda co representante de ABIH-Río
    Miranda co representante de ABIH-Río
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, finaliza hoxe a súa viaxe á República Federativa de Brasil cunha reunión de traballo con empresariado e entidades asociativas do sector turístico, entre quen se contan moitas e moitos emprendedores galegos que realizan parte das súas actividades no país carioca.

Así, ademais de Miranda, participan na xuntanza o propietario de la cadea hostaleira Windsor, José Oreiro; o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río e director xeral da Organização Nacional da Indústria do Petróleo, Eloy Fernández; e o vicepresidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río, José Paredes; todos eles galegos.

Ademais, tamén están presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Pablo Figueroa; e mailo presidente da Associaçao Brasileira da Indústria de Hotéis – Río de Janeiro, Alfredo Lopes de Sousa Jr., cuxa presenza foi moi importante para estender a colaboración entre a Xunta de Galicia e as empresarias e empresarios galegos asentados en Río a todos os emprendedores e emprendedoras do sector, tamén ás e aos naturais do Brasil.

Rematada a reunión, o secretario xeral da Emigración presidiu a sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación de Empresarios Galegos de Río de Xaneiro, para a promoción turística de Galicia nas principais cadeas hostaleiras da cidade con mais atractivo para as e os visitantes do Brasil.

O protocolo tamén contempla facilitar o intercambio de estudantes e profesionais do sector turístico entre Galicia e Río de Xaneiro, en especial alumnado de ciclos formativos profesionais medio e superior, así como estudantes de ensinanza superior en turismo. Igualmente, estipúlase o impulso ao desenvolvemento de prácticas profesionais no sector empresarial turístico galego, a través do Clúster Turismo de Galicia.

Cómpre sinalar que o peso específico das empresarias e empresarios galegos no sector hostaleiro carioca é moi relevante, calculándose que máis de metade das camas dispoñibles para pernocta turística en Río e a súa contorna pertencen a cadeas de propiedade galega total ou parcialmente, razón polo cal é posible a realización, e previsible éxito, desta promoción.

Colectividade galega
Con esta xuntanza, Rodríguez Miranda finaliza esta nova viaxe ao Brasil, na que, ademais de achegarse á realidade e actualidade das comunidades galegas, levou a cabo diversos contactos institucionais coas autoridades locais, e tamén asinou outro acordo en materia asistencial, concretamente coa Asociación ‘Recreio dos Anciâos’, que celebraba o seu 75 aniversario.

Emigración asinou con esta entidade -presidida pola galega Regina Jallas- un convenio, por valor de vinte mil euros, co obxecto de contribuír á atención das necesidades básicas das cidadás e os cidadáns galegos e ingresados, realizar actuacións en prevención sociosanitaria, e tamén para proporcionarlles medicamentos e outro material xeriátrico en caso de necesidade.

Miranda reuniuse asemade co conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, e coa nova cónsul xeral de España en Río. Tamén visitou o Club Español de Niterói, entidade e localidade cunha importante presenza de galegos e galegas.

Axiña, a Venezuela
O secretario xeral da Emigración regresa a Galicia trala reunión coas e cos empresarios galegos en Río, pero está previsto que a finais de semana regrese de novo a Iberoamérica, esta vez para achegarse a coñecer in situ as novidades que atinxen á colectividade galega en Venezuela. Neste país, as comunidades galegas atravesan -coma o resto da cidadanía nativa- un período de incerteza, sobre o que a Secretaría Xeral da Emigración require  permanente información das propias comunidades.

810 lecturas