Turismo de Galicia promociona a gastronomía galega na capital de Brasil

Nava Castro presentou a oferta gastronómica da comunidade galega no Centro de Aperfeiçoamento em Gastronomia do Senac en Brasilia.

A directora de Turismo de Galicia tamén mantivo unha xuntanza co secretario de Asuntos Internacionais do Goberno do Distrito de Brasilia, Odilón Frazao.

  • O chef galego Pepe Solla realizou un showcooking para a audiencia, conformada por especialistas do Brasil en gastronomía
    O chef galego Pepe Solla realizou un showcooking para a audiencia, conformada por especialistas do Brasil en gastronomía
  • Nava Castro mantivo unha xuntanza co secretario de Asuntos Internacionais do Goberno do Distrito de Brasilia, Odilón Frazao
    Nava Castro mantivo unha xuntanza co secretario de Asuntos Internacionais do Goberno do Distrito de Brasilia, Odilón Frazao
Listen to this page using ReadSpeaker
Brasilia (Brasil), 10 de outubro de 2014.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe na capital de Brasil, Brasilia, a oferta gastronómica da comunidade galega no Centro de Aperfeiçoamento em Gastronomia do Senac. Neste acto, organizado polo Instituto Cervantes, Nava Castro estivo acompañada polo chef galego Pepe Solla, que realizou un showcooking para a audiencia, conformada por especialistas brasileiros e brasileiras en gastronomía.

Ademais, na súa estadía en Brasilia, a directora de Turismo de Galicia tivo a oportunidade de reunirse hoxe co secretario de Asuntos Internacionais do Goberno do Distrito de Brasilia, Odilón Frazao, co que departiu sobre a oferta turística de Galicia e os recursos turísticos que poden ser máis atractivos da Comunidade galega para a poboación brasileira.

Nesta entrevista, ambos os representantes administrativos falaron tamén dos vencellos que existen entre as comunidades galega e brasileira, sobre todo, no eido cultural.

Recurso turístico
Canto á promoción da gastronomía galega no Centro de Aperfeiçoamento em Gastronomia do SENAC en Brasilia, Nava Castro presentouna como un gran recurso e “un gran tesouro cultural da nosa Comunidade”.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia quixo facer “unha radiografía da Galicia gastronómica”, citando que na Comunidade galega existe a meirande variedade de produtos do mar do mundo, que se celebran máis de 300 festas gastronómicas “que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos distinguido coa Q de calidade” e que a gastronomía é a segunda motivación que fai que os turistas elixan Galicia como destino.

Ademais, Nava Castro resaltou que Galicia conta con cinco denominacións de orixe vitivinícolas protexidas e 27 indicacións xeográficas de produtos gastronómicos.

En canto aos establecementos, referiuse a que na Comunidade galega se localizan 11 restaurantes con Estrela Michelin e 24 que contan coa distinción Sol Repsol.

Para Nava Castro, “Galicia caracterízase por ser unha terra rica e fértil que conta cuns cociñeiros que, coa súa coidada elaboración e esmero fan que nos distingamos pola boa mesa e afamados viños, un dos reclamos fundamentais e un dos activos que máis nos identifican no ámbito internacional”.

Cociña galega
Neste acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia falou da figura das novas e dos novos cociñeiros galegos de quen dixo que “tanto con Pepe Solla como coa gran canteira de chefs coa que conta a Comunidade, en Galicia reivindícase a concepción moderna e contemporánea da cociña galega sen renunciar ás súas orixes”.

Coa celebración deste acto, engadiu, “ademais de resaltar a personalidade deste célebre cociñeiro manifestamos a extraordinaria capacidade da gastronomía galega como elemento vertebrador e como un dos piares fundamentais da cultura de Galicia”.

Por último, Nava Castro reafirmou en Brasilia que a gastronomía é unha parte moi importante da identidade galega, da que dixo que “aínda que evoluciona co paso do tempo, non perde a esencia que a caracteriza”.

1009 lecturas