Unha xustiza políglota

As e os intérpretes de romanés e árabe son os dous máis demandados polos xulgados galegos aínda que o wolof, idioma maioritario en Senegal, supera ao francés, alemán e ruso.

Un intérprete traduce a un acusado marroquí, durante un xuízo na Audiencia de Pontevedra. Foto: Gustavo Santos.
Un intérprete traduce a un acusado marroquí, durante un xuízo na Audiencia de Pontevedra. Foto: Gustavo Santos.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2013.

Desde o ano 2010 Galicia conta cun servizo permanente de tradución e interpretación a disposición de calquera xulgado da comunidade. A decisión da Xunta de deixar en mans dunha soa empresa esta función en lugar de contratar intérpretes segundo a demanda e as necesidades puntuais respondía a unha vella aspiración da xudicatura e sobre todo ao recurso crecente nos xulgados aos servizos de tradución e interpretación para tomar declaración a testemuñas e persoas acusadas, solicitar ou responder a peticións de cooperación internacional ou traducir documentación procedente doutros órganos xudiciais.

O incremento en Galicia da poboación inmigrante (moito menor que noutras comunidades pero, en calquera caso, en constante aumento) xerou tamén novas e maiores necesidades dende o punto de vista da tradución xudicial, como sinalaba xa o Tribunal Superior de Xustiza nas súas últimas memorias. Hoxe en día a presenza deste tipo de profesionais nos xulgados é cada vez máis habitual.

Segundo os datos da Consellería de Presidencia, o ano pasado realizáronse 628 interpretacións para os xulgados galegos e este ano (só ata o mes de outubro) 480, polo que previsiblemente a cifra a final de ano será moi similar. Pero máis que a frecuencia coa que se recorre por parte da Xustiza a un ou unha intérprete, sorprende cales son os idiomas máis solicitados. Romanés e árabe sitúanse á cabeza, ao sumar entre os dous case a metade das interpretacións realizadas entre xaneiro e outubro. Aínda que sorprenda non é un dato puntual, xa que en 2011 tamén foron os idiomas máis solicitados. Séguenlles o portugués (que o ano pasado ocupaba o quinto), o inglés (en 2011, o terceiro idioma máis requirido polos xulgados) e o chinés (cuarto o ano pasado).

Pero o dato máis rechamante do servizo de tradución xudicial é a petición ata en 31 ocasións de intérpretes de wolof, o idioma máis falado en Senegal e lingua materna da etnia maioritaria neste país, da que toma o seu nome. O wolof supera no ranking ao francés (con 26 interpretacións), ao alemán (con 16) ou ao ruso (con 11), unha situación que tamén se repetiu o ano pasado a pesar de que inicialmente nin sequera figuraba entre os dez idiomas esixidos pola Xunta cando sacou a concurso o servizo a mediados de 2010.

En canto ao servizo de tradución, os xulgados requiriron ata o mes de outubro 294 traducións de documentos, probas e testemuños a outros idiomas, medio cento máis que en todo 2011. A maioría eran transcricións ao español (181), portugués (24), inglés (23), alemán (22) e francés (19).

 

Fonte: La Opinión de A Coruña

1039 lecturas