Cultura e Educación, a Fundación SM e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo colaboran no VI seminario nacional de atención educativa ao alumnado inmigrante

O encontro tivo lugar este venres e sábado na Escola Galega de Administración Pública, e tiña como obxectivo o intercambio de ideas e coñecementos para o impulso da investigación e a innovación neste eido.

  • VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
    VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
  • VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
    VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’. Foto: Conchi Paz.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2012.

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación SM e a Rede Inmigración, Educación e Sociedade (RIES) – formada pola USC e a UVigo- , colaboraron na celebración do VI Seminario Nacional ‘Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante, Experiencia e innovación’, que se desenvolveu o pasado venres e sábado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. Á fronte da organización está o grupo competitivo do sistema de I+D ‘ESCULCA’, da USC.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, representou á Consellería na inauguración deste encontro, na que tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan casares Long; o decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Rodolfo Luis Ferradas Blanco; o director da Fundación SM e o presidente do Comité Organizador do evento, Miguel Anxo Bastos Boubeta. Durante o transcurso do acto entregouse o Premio a Materiais Didácticos da Rede RIES a Concepción Varela Portela polo seu traballo A educación intercultural na aula de Lingua Castelá e Literatura.

O seminario tiña como obxectivo o intercambio de ideas, experiencias e coñecementos entre as e os profesionais que se dedican á atención educativo do alumnado inmigrante, para o impulso da investigación e a innovación neste eido. Así, o encontro estaba pensado para a ampliar e fortalecer as canles de colaboración entre eles e elas, poñer en valor e proxectos a este respecto e axudar a difundir estas boas prácticas, co fin de acadar unha mellora organizativa e curricular nos centros de ensino. Desta forma búscase tamén favorecer novos enfoques de formación do profesorado neste ámbito, abrindo vías para a constitución de comunidades de aprendizaxe e para a conformación de grupos de investigación-acción.

Por outra banda, o seminario procurou fomentar o establecemento de canles de conexión estables entre as escolas, as familias e os concellos arredor de programas socio-educativos para a integración e inclusión da inmigración.

A actividade será recoñecida con 10 horas de formación do profesorado, así como cun crédito de libre configuración para as e os estudantes de titulacións da Facultade de Ciencias da Educación da USC

Debate e presentación de experiencias
O encontro comezou cunha ponencia de Agustín Godás Otero (USC) sobre o rendemento educativo do alumnado inmigrante en España. A primeira xornada pechouse coa mesa redonda, coordinada por Diana Priegue (USC), “As posibilidades dun proxecto social e intercultural desde os centros educativos e a sociedade civil”, na que participou o director do IES Carlos Casares (Viana do Bolo), Carlos Ferreiro; a presidenta de CONFAPA- Galicia, Helena Gómez; e o pedagogo do Concello de Vigo, Rafael Ojea.

O programa do domingo arrincou coa ponencia de Mª Jesús Agra Pardiñas (USC) “A educación artística no desenvolvemento intercultural da infancia”, tras a que se celebraron catro obradoiros simultáneos. Neles, a experta en educación infantil Gena Borrajo afondou na xestión da diversidade cultural, Mar Lorenzo (USC) abordou a aprendizaxe cooperativa e a calidade na atención educativa ao alumnado inmigrante, e Mª Teresa Díaz (USC) presentou os materiais e recursos para o ensino de segundas linguas a este colectivo de estudantes. Pola súa banda, Raúl Portero (IES Porto do Son) tratou o cine como recurso educativo de carácter intercultural, e Beatriz Cebreiro foi a responsable do obradoiro “Competencia dixital e proxectos educativos interculturais”.

A xornada da tarde foi a quenda para a presentación de experiencias e boas prácticas, coordinada por Gerardo Nistal, do Centro de Formación e Recursos (CEFORE) da Coruña. Jose Luis Ruibal, do CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea), presentou a iniciativa do centro para a educación intercultural a través de curtas audiovisuais; mentres que Julia Camiña e Flora García amosaron os materiais interactivos que o CEIP A Carballeira (Lourizán) utiliza para a iniciación ao galego do alumnado estranxeiro. Así mesmo, Juan Monte, do CEIP Paradai (Lugo), abordou a estimulación da linguaxe oral nestese nestas estudantes.

O seminario pechouse coa conferencia do xefe do departamento de Desenvolvemento Docente e Políticas Educativas da UNESCO, Francesc Pedró, “Políticas Educativas en Europa e Xestión da Inmigración en España”.

1086 lecturas