A Xunta crea xunto aos axentes sociais grupos de traballo permanentes en mediación intercultural e formación para o colectivo inmigrante

No transcurso das VIII Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade o subdirector xeral de Inmigración defendeu fortalecer as canles de colaboración entre os axentes e a administración e “rendibilizar ao máximo os recursos, ante o drástico recorte do estado central en políticas migratorias”, apuntou Aguarón.

Cada un dos grupos está constituído por axentes sociais no eido das migracións pertencentes á administración local, entidades e ONG`s.

O obxectivo é potenciar permanentemente programas e actuacións coherentes na socialización e inserción do colectivo.

O subdirector xeral insistiu na “necesidade de traballar conxuntamente nun momento difícil” marcado polo descenso de ata o 65% na partida referida á integración de inmigrantes dos Presupuestos Generales del Estado.

Listen to this page using ReadSpeaker

O subdirector xeral de Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, vén de inaugurar as VIII Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade do Concello de Arteixo- e organizadas pola asociación Ecos do Sur- no transcurso da cal anunciou a constitución por parte da Secretaría Xeral da Emigración de dous grupos de traballo en mediación intercultural e formación para o colectivo inmigrante.

Cada un dos grupos está constituído por axentes sociais do eido das migracións pertencentes á administración local, entidades e ONG`s de Galicia “a fin de poder traballar todos na mesma liña, fomentar a coparticipación e fortalecer permanentemente as canles de colaboración na procura da socialización e inserción do colectivo”.

Neste punto, Aguarón apelou a “traballar conxuntamente nun momento difícil” marcado polo descenso de ata o 65% na partida referida á integración de inmigrantes dos Presupuestos Generales del Estado. Daí, a necesidade de “rendibilizar ao máximo os recursos, ante o drástico recorte en políticas migratorias”, criticou o responsable da Inmigración da Xunta de Galicia.

No acto de inauguración estiveron presentes, así mesmo, a alcaldesa do concello de Arteixo, Pilar Souto Iglesias, e mailo director da asociación Ecos do Sur, Francisco Hurtado Durán.

Programas e actuacións coherentes en mediación e formación
Ámbolos dous grupos de traballo porán o énfase na formación de profesionais de alto nivel no ámbito das migracións internacionais e da mediación intercultural, que contribuirán a favorecer unha convivencia harmónica e intercultural no xurdimento de novas demandas e necesidades sociais. Doutra banda, abrirase un foro permanente que avaliará as iniciativas que xurdan do da Plan de Formación 2010, que contén accións formativas tanto no eixo da acollida coma na integración social; e que será obxecto de seguimento por outro grupo de traballo.

VIII Xornadas
Ao longo da xornada de hoxe e de mañá abordaranse na oitava edición das Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade os retos aos que se enfrontan os Servicios Sociais Comunitarios co colectivo migrante. Así mesmo, analizarase a implicación de factores como a crise económica ou as novas regulacións en materia de Extranxeiría na inmigración e establecerase un punto de encontro entre diversos profesionais da intervención social que propicie a creación de novas redes de traballo e a apertura de proxectos locais en Galicia no ámbito da inmigración.

2092 lecturas