A Casa de Galicia en Madrid celebrou o Día das Letras Galegas coa estrea do documental "Sombras sen sombra: Rosalía de Castro"

"A de Rosalía é unha historia mal contada. Dende o comezo, coa sorprendente invención do cura Viojo, ao que os libros atribúen a paternidade, á vilipendiada figura da súa nai solteira... e así ata o final".

Ao acto, que contou coa intervención do director do audiovisual José Antonio Durán, asistiron máis de 200 persoas.

A filmación "é unha crónica familiar onde todo se revisa de xeito tranquilo, razoado e expresivo pero contundente", afirmou Durán.

"A película realiza un esforzo notorio por separar a personalidade de Rosalía da do seu esposo, porque Rosalía é Rosalía e Murguía é Murguía".

Listen to this page using ReadSpeaker
18 de maio de 2011.

Máis de 200 persoas acudiron á Casa de Galicia para asistir á estrea do documental Sombras sen Sombra: Rosalía de Castro de José Antonio Durán, co que a Casa de Galicia en Madrid celebrou o Día das Letras.

No acto interviñeron o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e o investigador e director do documental, José Antonio Durán. Jiménez expuxo, en galego, unha pequena descrición do poeta lucense Lois Pereiro, a quen está dedicado este ano, e o que homenaxeou lendo algúns dos seus versos.

De Durán destacou Jiménez as súas múltiples facetas: "é conferenciante, bibliófilo, escritor e editor con densa bibliografía interdisciplinar, e -dende 1972- un clásico no estudo dos movementos sociais contemporáneos. Practica con asiduidade a biografía histórica e a historia local. Conta, ente outros, co premio Fernández Latorre de periodismo, coa medalla de ouro dos Amigos de Pontevedra e colabora con frecuencia nos diarios e revistas máis prestixiosos. En 1986 incorporou á súa obra intelectual o documental de investigación e comunicación, converténdose así nun caso único no panorama intelectual. En 1998 foi o primeiro escritor español con Taller de Edicións multimedia, unha ferramenta de vangarda dende a que difunde a súa obra e que vén despregando unha gran tarefa de animación cultural. E engado para rematar que a bitácora deste Taller, La cova de Zaratustra, foi seleccionada entre os oito mellores blogs multimedia do mundo, o terceiro en canto a votación popular".

Antes da exhibición da película de case unha hora de duración e realizada por Jorge Durán, o autor defendeu a idea de que "a de Rosalía é unha historia mal contada". Dende o comezo, "coa sorprendente invención do asunto do cura Viojo, ao que os libros atribúen a paternidade, á vilipendianda figura -complementaria- da súa nai solteira, e así ata o final". O audiovisual é "unha crónica familiar onde todo se revisa de xeito tranquila, razoado e expresiva pero contundente". Non en van, o autor precisou máis de dous anos para finalizar o proxecto, que se interna en aspectos ata agora pouco estudados como a profunda conciencia social de Rosalía ou o seu empeño en escribir en galego; sen esquecer o esforzo que supón o documental por entender e achegarse ás circunstancias onde xorde a primeira Rosalía. A da xuventude, previa ao casamento con Murguía. Neste sentido, Durán insistiu en separar a personalidade de Rosalía de ao seu marido, "dono e señor absoluto do patrimonio da súa muller, que mesmo tocou a súa obra literaria de corte máis decididamente autobiográfico" xa que, como lle gusta dicir ao autor, "o que non se distingue, se confunde. E é fundamental para entender a Rosalía non incorrer en semellante identificación; Rosalía é Rosalía e Murguía é Murguía".

1498 lecturas