Coincidindo coa data de publicación do primeiro poema en galego de Rosalía, que fala da emigración, a diáspora galega celebra mañá de xeito simultáneo os 150 anos de ’Cantares Gallegos’

A TVG ofrecerá en directo na súa web unha videoconferencia entre Bos Aires e Santiago na que participan diversas personalidades vinculadas á poetisa universal galega, e despois o documental ‘Rosalía, sombras sen sombra’.

Na capital arxentina estará o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e na galega o de Política Lingüística, Valentín García.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2013.

O millón de galegas e galegos espallados polo mundo (preto de medio millón noutras Comunidades de España, e máis de medio millón no Exterior) poderán celebrar mañá domingo o primeiro acto de celebración conxunta e simultánea de toda a diáspora, aproveitando o impacto e extensión das novas tecnoloxías, e que leva por título xenérico ‘Rosalía Universal’, en referencia ao amplo coñecemento mundial da poetisa galega e á extensión do pobo galego polos catro puntos cardinais do planeta.

Co gallo da celebración dos 150 anos da publicación do libro máis senlleiro de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, escolleuse para este histórico evento a data da publicación (o propio 24 de novembro de 1861) do poema ‘Adiós ríos, adiós fontes’, o primeiro publicado en galego pola escritora universal, e o máis coñecido dos que falan, precisamente, da Emigración.

Para dar a coñecer unha perspectiva nova da poetisa, e mercé á colaboración da Televisión de Galicia, ofrecerase a través do portal www.crtvg.es o documental Rosalía, sombras sen sombra, realizado por José Antonio Durán, que poderán ver de maneira simultánea tódalas galegas e tódolos galegos do mundo, conectándose directamente nos seus ordenadores, ou nos actos que teñen preparados para esta celebración en diversos centros e casas de Galicia do mundo.

Xusto antes do documental, terá lugar unha videoconferencia entre Bos Aires (a cidade de fóra de Galicia na que residen máis galegos e galegas) e a capital da Galicia territorial, Santiago. Na outra beira do Atlántico, no Deportivo Campo Galicia do Centro Galicia no barrio de Olivos, concentraranse algúns dos milleiros de galegos e galegas alí residentes, aos que representarán no acto o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Francisco Lores Mascato, e mailo presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina, Juan Rodríguez Santome, así como o propio presidente do Centro Galicia, Agustín Diz. Canda eles, representando a Galicia territorial, estará o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Rosalía Universal
Nesta beira do océano, na Cidade da Cultura estarán, entre outras e outros persoeiros convidados do mundo da cultura galega, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, o propio autor da reportaxe, José Antonio Durán e, en representación da Xunta de Galicia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

O comezo do streaming está fixado para as 16,30 deste domingo día 24 en hora galega e hora central europea, o que corresponde, por citar algúns lugares con ampla colonia galega e horarios distintos: 15,30 en Reino Unido, Portugal ou Canarias; 13,30 en Brasil ou Uruguai; 12,30 en Arxentina ou Chile; 11,00 en Venezuela; 10,30 en Cuba ou a costa Este dos Estados Unidos; e 9,30 en México. Ademais, a TVG emitirá en aberto o documental na súa programación nocturna ese mesmo día.

Ademais de poderen participar na emisión simultánea da videoconferencia e posterior emisión do documental, galegas e galegos de todo o mundo poden enviar as súas achegas de como celebraron este día (fotos, vídeos, sons, documentos de todo tipo) á páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.es. Nas xornadas seguintes á emisión, recollerase o abano de actividades desenvolvidas nos centros e casas de Galicia, e tamén nos domicilios dos galegos e as galegas da diáspora que teñan a ben sumarse á iniciativa.

873 lecturas