Un galego no fútbol americano

Antón Viñas, cunha bolsa, é o pateador do equipo dun instituto de Seattle.

Listen to this page using ReadSpeaker

En Galicia xogaba ao rugbi, unha bolsa permitiulle irse a estudar a Estados Unidos e en Seattle decidiu internarse no mundo do fútbol americano. Antón Viñas Díaz (Vigo, 1994) converteuse no primeiro galego que se pon casco para patear o oval.

Camiño dos 17 anos e en idade cadete no mundo do rugbi, cando pisou chan americano tiña claro que quería practicar un deporte autóctono. «En España xogaba ao rugbi, pero dende que recibín a bolsa tiña claro que quería xogar ao fútbol americano, porque non hai nada máis americano que iso», asegura. O primeiro problema foron as regras, moi distintas ás que coñecía. Aínda así, non pode queixarse da tempada, axudou ao equipo do instituto Glacier Peak a gañar a Liga de Segunda División cunha soa derrota en todo o curso, accedendo despois ao primeiro equipo.

Nada máis chegar a Estados Unidos para estudar historia e literatura americana, comezou a practicar. Antón recorda: «Ao chegar aquí empecei coas prácticas, nas que basicamente se prepara aos xogadores fisicamente no ximnasio durante incontables días. Máis tarde empezamos as prácticas formais e, sendo español, consideraron que tiña boas pernas, así que rematei como pateador e como córner na liña de defensa,». No segundo equipo do instituto do barrio de Snohomish, onde reside, aproximadamente terá metido «como 20 ou 25 puntos en total, dúas interceptacións en defensa, unhas cantas placaxes e pelexas. Por certo que cando tes tantas proteccións despois de xogar ao rugbi, isto era como manteiga.

A súa etiqueta de bo defensor e a súa envergadura (mide 1,80 e pesa 75 quilos) servíronlle para chegar tamén ao primeiro equipo, que se clasificou para xogar o play off tras gañar a Liga da conferencia oeste de Washington sen perder ningún partido. Con eles, o galego pateador sumou cinco puntos. O peor é que os nervios lle xogaron unha mala pasada no primeiro cruzamento e quedaron eliminados. «O estrés e a tensión traizoaron o equipo no primeiro partido de play off e quedamos fóra», afirma.

Antón Viñas alucina co trato que os americanos dispensan aos seus equipos de formación. Pon como exemplo o instituto que o abeira este curso: «En Glacier Peak hai un programa fabuloso, con moitos adestradores e 60 rapaces adestrando todos os días case tres horas con técnicos especializados cada un nunha parte do xogo. A nós non nolo dicían, pero notábase que a comunidade investira moito tempo e diñeiro nese equipo... comidas, animadoras, buses, proteccións...», explica.

No persoal admite que tanto o fútbol americano coma a aventura de Seattle lle serviron de experiencia vital. «Facer un deporte axudoume non só a desenvolverme na sociedade, tamén a entendela mellor, posto que aquí gran parte da sociedade xira en torno a deportes, especialmente ao fútbol», unha afirmación que non está disputada coa morriña que lle adoita «atacar cando escoito unha gaita no meu iPod».

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

1464 lecturas