A embaixada de Estados Unidos asegura que non pechará o seu consulado en Galicia
Os rumores aviváronse a raíz da publicación dun informe no que se recomendaba que a axencia consular da Coruña «debería ser pechada, calculándose un aforro de 100.000 dólares anuais».
O presidente da Xunta recibiu este xoves en audiencia ao embaixador dos EE.UU. en España, Alan D. Solomont. Foto: Ana Varela.
O presidente da Xunta recibiu este xoves en audiencia ao embaixador dos EE.UU. en España, Alan D. Solomont. Foto: Ana Varela.
O presidente da Xunta recibiu este xoves en audiencia ao embaixador dos EE.UU. en España, Alan D. Solomont. Foto: Ana Varela.
O embaixador dos Estados Unidos en España, Alan D. Solomont, confirmou na medianoite deste xoves que non está previsto o peche do consulado en Galicia, situado na Coruña. «Estamos ao tanto dos informes sobre o futuro do consulado na Coruña», indicou antes de sinalar que «continuamos prestando os servizos consulares e non temos plan ningún para suspender os devanditos servizos nin para pechar o consulado na Coruña».
O representante diplomático saíu así ao paso das informacións que apuntaban á desaparición en setembro próximo da axencia galega. De feito, o Club Norteamericano en Galicia comezara xa a mobilizarse ante tal posibilidade, iniciando unha recollida de firmas e co envío de escritos ao presidente da Xunta, Núñez Feijoo, para tratar de frear a desaparición dun servizo que, segundo as súas estimacións, afectaría a unhas 4.000 persoas no noroeste peninsular, xa que a axencia herculina atende fundamentalmente á poboación de Galicia e Asturias.
Os rumores sobre a clausura aviváronse a raíz da publicación dun informe do Departamento de Estado de Estados Unidos, elaborado en setembro pasado, no que se recomendaba que a axencia consular galega «debería ser pechada, calculándose un aforro de 100.000 dólares anuais». Entre os argumentos sinalábase que as dependencias galegas ofrecían servizos a só 400 persoas residentes estadounidenses, ademais de destacar o reducido número de turistas de EE.UU. que viaxan a Galicia. O mesmo informe salientaba tamén que o 40 % da carga de traballo na Coruña procedía de xubilados e xubiladas estadounidenses que solicitaban axuda coas reclamacións á Seguridade Social, o que «en última instancia se manexa en Madrid», polo que a embaixada podería «absorber doadamente» estas demandas.
Fonte: La Voz de Galicia
Novas relacionadas



