Boquete, a mellor na mellor Liga
Xogadora da semana en EE.UU. por terceira vez, aspira a mvp do ano.
Chegou sen facer ruído, con humildade, e xa é a raíña entre a constelación de estrelas que forman a liga profesional de fútbol de Estados Unidos (WPS). Verónica Boquete Giadáns (Santiago de Compostela, 1987) foi premiada a pasada madrugada co galardón de mellor xogadora da semana, a súa terceira distinción na presente tempada. Un feito que a sitúa como gran favorita a facerse co premio final de mellor xogadora da tempada.
«Aínda non mo pode crer», resalta a protagonista. A galega aínda non é consciente do fito histórico que está a lograr. Os seus tres premios individuais permítenlle igualar a mellor actuación que unha xogadora da WPS tivo nunca na mellor competición do mundo. Os seus tres mvp son os mesmos que lograron o pasado ano a actual balón de ouro, a brasileira Marta, e a californiana Amy Rodríguez. Ou os mesmos que no 2009 sumou a recente subcampioa do mundo Abby Wambach. Agora, ten un mes por diante para conseguir o seu cuarto galardón semanal e ser a mellor da historia.
Eufórica
«O que sinto agora mesmo é satisfacción. Ves que todo o esforzo vai tendo recompensas e iso non fai máis que motivarme para seguir traballando. Que encima o consiga tres veces... Iso xa é unha pasada. Aínda non mo creo do todo», sinala.
Aínda que aínda non é consciente do conseguido, a galega é nestes momentos clara favorita á distinción final de mellor xogadora da tempada. «Iso son palabras maiores. Sei que polo que estou a conseguir podo ser unha candidata, pero nin mo imaxino. Sería demasiado bo. O meu seguinte reto é o de sempre, o colectivo. Poder conseguir esta liga é o único que me interesa».
Cando Verónica aterrou na liga norteamericana, o seu equipo, os Independence de Philadelphia, era antepenúltimo cunha bagaxe negativa de derrotas sobre vitorias. Apenas dous meses despois, e grazas aos tres mvp de Boquete nas seis últimas semanas, é líder da liga, empatado a puntos cos Flash de Nova York. «Estamos na recta final. Xa queda menos dun mes para a gran final, pero antes temos dous partidos da liga regular que decidirán quen entran nos play off. Nós xa nos aseguramos a segunda praza, agora intentaremos manter a primeira. Estamos a facer unha gran tempada e iso ilusiónanos. Sabemos que podemos gañar a calquera, pero tamén nos poden gañar se nos confiamos. A final estará ao 50 %».
Ata o momento, a santiaguesa xogou todos os partidos de titular (8), salvo o do debut. Neles marcou 5 goles e repartiu 4 asistencias.
Unha espiña cravada
A galega está a piques de alcanzar a cúspide do fútbol mundial. Con todo, aínda ten fame para novos retos. «Realmente, aínda non conseguín nada. Agora pelexarei por esta liga e despois virán outros retos, como o de clasificar a España para a próxima Eurocopa», sinala con humildade a dianteira, que xa ten aos seus pés o fútbol mundial.
Fonte: La Voz de Galicia
Novas relacionadas



