«Cando me preguntan digo sempre que son de Carballo»

Pediatra neonatólogo, traballa agora no hospital La Paz de Madrid.

Listen to this page using ReadSpeaker
28 de novembro de 2011.

Alejandro Ávila  Alejandro Ávila leva unha carreira médica envexable a pesar da súa xuventude (fai nada cumpriu 30 anos). Pediatra especializado en neonatoloxía, o ano pasado logrou unha bolsa da Fundación María José Jove para unha estanza no Children´s Hospital de Boston, vinculado á Universidade de Harvard, en Estados Unidos, considerado o mellor hospital pediátrico do mundo. Rematada, e de novo no antigo Juan Canalejo da Coruña, xurdiulle unha oportunidade profesional imposible de rexeitar no La Paz de Madrid, que á súa vez está considerado como un dos mellores de España na súa especialidade. E ata a capital española marchou en agosto, onde seguirá por tempo indefinido.

Malia a relativa distancia de 600 quilómetros, Ávila está absolutamente apegado a Carballo. Familia e amigos son para el imprescindibles, e a súa localidade, motivo de orgullo do que presume en canto ten ocasión. «Son dos que falan do seu pobo sen dubidalo, sen dicir A Coruña. Cando en Madrid me preguntan de onde son, sempre digo que de Carballo. Xa direi despois que é preto da Coruña».

Álex, como lle chaman moitos amigos, o segundo de tres irmáns, criouse na rúa Ourense, a un paso da rúa Perú. As súas coordenadas de infancia van dende este punto ata o seu colexio, o Leus, e as adolescentes, un pouco máis arriba, no instituto Alfredo Brañas. De ambos os dous centros só fala marabillas, e cualifícaos de cruciais (especialmente a algúns profesores) de cara á súa posterior formación médica.

Nese triángulo móvense os seus primeiros recordos. Xa non coñeceu os símbolos de Carballo desaparecidos. Os Baños Vellos, por exemplo, máis ou menos situados na zona na que deu os seus primeiros, segundos e terceiros pasos, aínda que si recorda os descampados que había cara ao norte da súa casa. «O parque da Cruz Vermella era unha fonte, e cando fixeron a estación de autobuses nova, arredor non había nada».

Presume como poucos do seu grupo de amigos. A maioría procedente ese tempo de inocencia, primeiro, e felicidade, despois. Reúnense constantemente e no entrodido non hai ano no que non se disfracen, e con éxito no concurso do Concello. «Movo Roma con Santiago para non mos perder», confesa. Tamén lle tira o San Xoán, sobre todo a noite das cachelas. A Festa do Bosque, por idade, coñeceuna xa máis na súa fase de recuperación.

Vocación
Aos 4 anos dicía, sen saber por que, que quería ser pediatra. A súa capacidade e esforzo, a influencia dos bos profesores, mesmo a ascendencia de colegas como Tasende ou Velo fórono levando por ese camiño e orientándose cara a un sector centrado sobre todo nos coidados intensivos neonatais. Recoñece que traballa moi a gusto, que lle encanta, e que está nun lugar privilexiado: «Mil veces máis que nacese, mil veces faría o mesmo». Destaca que a opción de La Paz é extraordinaria, «poder traballar ao lado de xente claramente mellor, apréndese moito, é un investimento de futuro». O de volver saír fóra, e máis nos tempos que corren, non o acaba de ver claro. «Saír fóra é bo, si, pero, onde?», pregúntase. Admite, ademais: «Eu estou moi arraigado á terra». E vén moito. Tamén a Laxe, lugar de orixe materna e de vacacións.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Fotos: La Voz de Galicia

1234 lecturas