Riazor revivirá o duelo que cambiou a Liga

O Dépor conxúrase para volver frustrar ao Madrid o sábado.

Listen to this page using ReadSpeaker

O 3 de outubro de 1992 a historia do Dépor deu un xiro. Retornado a Primeira unha tempada antes, cun equipo formado por xogadores rebotados doutros clubs, un histórico ex futbolista no banco, dous internacionais brasileiros e os canteranos Fran e José Ramón, ninguén daba un peso por aquel equipo. O Real Madrid colocouse 0-2, como estaba previsto; pero os de Arsenio saltáronse a lóxica e remontaron ata o 3-2. Aquela pirueta vitoriosa cambiou o seu destino para sempre. Antes do partido había moito deportivista-madridista, pois era habitual entón combinar ambas as dúas filiacións, pero tras aquela xornada memorable todo cambiou.

Nacera o Superdépor. A Coruña xa só tiña un equipo, e xa non era perdedor, senón gañador. Coma se lle tivese caído un feitizo enriba, o Madrid empezou a coleccionar frustracións en Riazor a partir daquela noite. É certo que os brancos gañaron aos coruñeses o Teresa Herrera de 1994 (0-1), pero ata a pasada tempada o seu último triunfo oficial na Coruña remontábase ao 2 de novembro de 1991 (0-3 en Liga).

A racha que iniciou o Superdépor en 1992 non tardou en converterse na favorita da afección. Para moitos esta serie inabordable contra os brancos rematou por fraguar no primeiro motivo de orgullo para presumir máis alá de Pedrafita; para moitos, mesmo, tivo máis valor que o par de Supercopas que locen nas vitrinas do club. E é que destacarse como a besta negra do Madrid é case tanto como un título. Se a eterna comparación co Barça xera períodos na Liga de madriditis e barcelonitis, os 19 anos de derrotas en Riazor só frustrou a un club incapaz de quitarse de enriba o maleficio.

Quen o ía dicir nos setenta e oitenta, cando, co Dépor en Segunda, contan as crónicas que o equipo branco era o único que enchía o municipal coruñés nos Teresa Herrera. Aquel Bernabéu á galega, como se lle coñecía, cambiou en 1992 a campo hostil. E case unha garantía de fracaso: Casillas, quen o sábado volverá defender a portaría do seu equipo unha vez cumprido o seu partido de sanción contra o Levante, sufriu cinco antes da vitoria da pasada campaña. Nun campionato de novo desnivelado por qué A Coruña non pode citarse cunha noite máxica?

 

Fonte: La Voz de Galicia  |  Foto: www.canaldeportivo.com

1634 lecturas