Reflejos en las orillas del Sena

Obra da colección Clásicos da Emigración editada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, unha escolma de libros que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. A publicación facsimilar acompáñase de cadansúa introdución e estudo crítico, neste caso de Eliseo Fernández e Dionisio Pereira.
Pouco antes da morte do ditador Francisco Franco, nos primeiros meses do ano 1975, a Imprimerie des Gondoles de Choisy-le-Roi (preto de París) tiraba do prelo o poemario Reflejos en las orillas del Sena do marinense José Pastoriza Soto. Case medio século despois, esta edición tenta recuperar a obra, a figura e o contexto en que viviu e escribiu Pastoriza, un exiliado galego vítima do levantamento militar de 1936. E houbo que agardar ese tempo porque, malia as esperanzas creadas pola caída do réxime franquista, na Transición as canles de comunicación entre a diáspora no exilio e as novas camadas populares en Galicia foron practicamente inexistentes. Só ficaron vestixios daquela xeración frustrada en obras que pasaron inadvertidas, como é o caso deste poemario social que Pastoriza publicou na capital francesa naquela altura e que tan só agora pode ser coñecido polo público galego.