José Ruibal Nieto

Activo presidente do Centro Gallego da Habana
José Ruibal Nieto

Relevante figura da colonia galega da Habana, Ruibal Nieto marcou a vida do Centro Gallego na década dos oitenta do século XIX. Coñecido persoeiro do mundo dos negocios, aínda acadou máis protagonismo cando pasou a dirixir El Eco de Galicia. Con esta vida de prestixio, quen podía agoirar o seu triste final?

José Ruibal Nieto naceu na Coruña en 1830. Chegou a Cuba nos primeiros meses de 1849. Comezou a traballar na tenda de Andrés Carreras, en Jaruco (provincia da Habana). En Cuba realizou estudos de contabilidade de libros, dedicándose ao comercio e á administración.

Foi vogal da directiva do Centro Gallego durante a presidencia de Fidel Villasuso Espiñeira. Presidente do Centro Gallego entre 1881-1884 e 1886-1890. Durante o seu primeiro mandato o Centro Gallego pasou por unha delicada situación económica, que se paliou apelando a subscricións voluntarias dos socios. Estas subscricións variaban entre $5.00 e $75.00. Tamén durante a súa primeira presidencia nomeáronse os primeiros profesores retribuídos do plantel de instrución. En 1884 foi elixido como vicepresidente da Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia, cargo para o que foi reelixido en varias ocasións. En decembro de 1885 foi membro dunha comisión encargada da redacción dun regulamento con vistas á fusión do Centro Gallego e da Beneficencia Gallega. Ruibal chegou por segunda vez á presidencia do Cento Gallego en 1886, tras os sucesos de disidencia interna que tiveron lugar nese ano, encabezando unha candidatura de conciliación. A comezos de 1890 converteuse en vicepresidente do Centro Gallego. Ora ben, perante a renuncia de Fidel Villasuso, Ruibal Nieto converteuse de novo en presidente do Centro Gallego. En 1891 foi nomeado como presidente de honra do Centro Gallego.

Asumiu interinamente a dirección do semanario El Eco de Galicia en abril de 1888, durante a visita de Waldo Álvarez Insua a Galiza. O primeiro número de El Eco de Galicia que aparece dirixido por Ruibal Nieto foi o 303, datado o 14 de abril de 1888. Á súa vez, tras o regreso de Álvarez Insua en novembro de 1888, o último número de El Eco de Galicia dirixido por Ruíbal Nieto foi o 336, datado o 1 de decembro de 1888. En 1889 foi nomeado como presidente honorario do Orfeón Ecos de Galicia.

A súa vida profesional foi moi intensa. Foi administrador e tenedor de libros da casa de José Baró, desta casa foi apoderado xeral en todos os seus negocios até 1872. A partir desta data pasou a dirixir os negocios de Leandro Soler. En 1885 foi nomeado administrador da Empresa de Almacéns de Depósitos da Habana. En xullo de 1889 foi nomeado xefe da Sección de contribucións do Banco Español de la Isla de Cuba. Foi membro do Casino Español da Habana e da "Real Sociedad Económica de Amigos del País" da Habana. Tamén en 1889 o Goberno concedeulle o nomeamento como xefe superior de Administración. Casou en 1880 coa coruñesa Dolores Miramonte Moreira.

José Ruibal Nieto tivo unha fin tráxica, xa que se suicidou na Habana o 26 de novembro de 1897. En efecto, Ruibal suicidouse no arquivo do Banco Español da Habana, entidade na que ocupaba o posto de xefe da sección de impostos. Poucos días despois, o semanario Follas Novas relataba así o dramático acontecemento:

"El señor Ruibal llevó a cabo su fatal resolución en el archivo del establecimiento, sin que nadie se hubiese apercibido del hecho hasta después de transcurridos algunos instantes en que, adviertiendo que tardaba más de lo regular en salir del archivo, penetraron en el local varios empleados para avisarle de que le esperaban, y ante su vista se presentó un cuadro de horror: el señor Ruibal era ya cadáver; por el orificio de entrada de la bala manaba todavía sangre; pero la muerte fue instantánea."

Bibliografía: 

VV.AA.: Galicia Moderna, A Habana, nº 70, 29/08/1886.

VV.AA El Eco de Galicia, A Habana, nº 304, 21/04/1888.

VV.AA.: El Eco de Galicia, A Habana, nº 336, 01/12/1888.

VV.AA.: Follas Novas, A Habana, nº 26, 28/11/1897.

Documentación asociada
Documentación asociada
José Ruibal Nieto: Xornalista I47.04 KB
José Ruibal Nieto: Xornalista II47.53 KB
Noticia do suicidio de José Ruibal Nieto47.66 KB

Fotografías

  • Fotografia José Ruibal
  • Retrato José Ruibal

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2327 lecturas