Fidel Villasuso Espiñeira

Pioneiro no asociacionismo galego en Cuba
Fidel Villasuso Espiñeira

A vida de Fidel Villasuso estivo vencellada ás pricipais entidades galegas da Habana do derradeiro terzo do século XIX. Foi o prototipo de emigrante notábel que, grazas ao seu éxito económico, acadou un importante capital simbólico na colectividade galega, sendo ademais un baluarte do poder colonial español en Cuba.

Fidel Villasuso Espiñeira naceu en Ortigueira en 1850. Emigrou a Cuba tras cursar as principais asignaturas da carreira mercantil. O seu primeiro destino na illa foi a cidade de Cienfuegos, onde remataría os seus estudos mercantís. Trasladouse á Habana para se encargar do escritorio dunha casa comercial, firma da que chegaría a ser xerente durante máis de dous lustros.

A súa participación no entramado societario galego da Habana comeza en 1871. En efecto, o 31 de decembro dese ano participou na constitución da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, a primeira das grandes sociedades fundadas polos galegos en América. En 1886 foi elixido como consiliario da Beneficencia Gallega, pertencendo tamén á comisión para arbitrar recursos desta entidade.

No entanto, foi no Centro Gallego onde a luz de Fidel Villasuso brillou con intensidade. Formaba parte da directiva desta entidade desde setembro de 1886, época na que desempeñaba o cargo de vogal. Foi elixido como presidente do Centro Gallego para o período social de 1887-1889, levando a cabo unha intensa actividade. Durante o seu mandato a entidade, en febreiro de 1888, acordou adquirir en propiedade a primeira sede que tivo o Centro Gallego na Habana, situada en Prado e Dragones. Baixo a iniciativa do noso protagonista tamén se levaron a cabo importantes reformas nesta sede social, tendo que recorrer a subscrición entre os socios para financiar as obras. Baixo a súa dirección levouse a cabo unha recolecta a favor dos labregos de Ourense e Lugo afectados por un forte temporal. Foi durante a súa administración cando se aprobaron os regulamentos xeral e sanitario do Centro Gallego. No ámbito cultural os logros tamén foron destacados. Nesta época a institución presidida por Fidel Villasuso financiou a edición do terceiro tomo da Historia de Galicia de Manuel Murguía. O Centro Gallego foi iniciador entre a emigración dunha subscrición para levantar unha estatua a Nicomedes Pastor Díaz en Viveiro; respondíase, deste xeito, ás chamadas realizadas desde esta vila mariñá. Só no Centro Gallego recadáronse 200 pesos, estando á fronte da listaxe de doadores o seu presidente. En 1890 e 1892 Fidel Villauso volveu ser elixido como presidente do Centro Gallego, aínda que nas dúas ocasións negouse a aceptar o cargo. En 1891 foi elixido como presidente de honra da institución.

A actividade societaria de Fidel Villasuso non se limitaría ás dúas principais entidades galegas da Habana, senón que abranguería tamén outras sociedades. Así, foi membro do orfeón Ecos de Galicia, sendo presidente de honra da sección de Filharmonía desta entidade. Tamén foi figura relevante da sociedade Aires d'a miña Terra, institución da que foi vogal da xunta directiva nos anos 1895 e 1896. Esta última sociedade naceu en 1886 como unha escisión do Centro Gallego. Por outra parte, tamén foi presidente do Casiño Español da Habana.

O vencello de Fidel Villasuso co poder colonial español foi destacado. Pertenceu á Corporación Municipal da Habana. Foi membro sobranceiro do Partido Unión Constitucional, forza política que representaba aos grandes propietarios e comerciantes de Cuba partidarios de manter un rexo centralismo; opúñanse ao Partido Liberal Autonomista e ao Partido Revolucionario Cubano (independendista). Neste mesmo senso, ao igual que a maioría dos comerciantes e empregados españois da Habana, Villasuso alistouse no Corpo de Voluntarios, entidade paramilitar valedora do poder español en Cuba.

Fidel Villasuso realizou varias visitas á súa terra natal. Así, o 20 de xuño de 1890 embarcou no vapor Alfonso XIII para pasar unha tempada en Galiza. Foi un destacado benefactor do seu concello natal. A modo de exemplo podemos apuntar que en 1895 remataban as obras de rehabilitación da igrexa de Ortigueira realizadas pola súa conta.

Casado con Felicia Ferrán, a súa dona faleceu en marzo de 1890. Casou en segundas nupcias con Dolores García.

A implicación de Villasuso Espiñeira cos que defendían o poder colonial español supuxo, unha vez independizada Cuba, o seu regreso á súa terra natal. Ora ben, o súa volta a Galiza non significou a súa desparación da vida pública. En efecto, o 16 de abril de 1899 gañou a acta de deputado polo distrito de Ferrol-Ortigueira, Villasuso foi elixido como candidato gobernamental partidario do xefe de goberno, naquel momento Francisco Silvela. No entanto, o 12 de xuño de 1899 a comisión de actas do Congreso dos Deputados decidiu impugnar a súa elección e proclamar no canto a Juan Fernández Latorre, director de La Voz de Galicia.

Asentado en Madrid, en febreiro de 1900 foi elixido como presidente do Centro Gallego de Madrid. Faleceu na capital de España o 22 de xullo de 1909.

Documentación asociada
Documentación asociada
Documentos sobre Fidel Villasuso3.41 MB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1388 lecturas