José Baña Pose

Pioneiro na escrita en galego en Cuba
José Baña Pose

Dependente de adega, poeta, xornalista, comerciante, mestre… todas estas profesións exerceu Baña Pose, que pasou á posteridade polo seu alcume literario: Pepe de Xan Baña. Estamos perante un dos escritores que cultivou o galego na emigración. A súa terra natal e os seus problemas están recollidos nunha obra literaría que foi amplamente coñecida e difundida entre os seus paisanos, acurtando deste xeito as distancias entre Cuba e Galicia.

José Baña Pose naceu na aldea de Varilongo, parroquia de Santa Sabiña (Santa Comba) o 4 de xaneiro de 1872, fillo de Juan Baña Lois e de Juana Pose Negreira. Asistiu á escola de xeito intermitente até que decidiu emigrar. Así, o 19 de decembro de 1889 embarca con destino a Cuba. O seu primeiro traballo na emigración foi de dependente nunha adega. Pouco despois da súa chegada asociouse ao Centro Gallego, figurando xa a comezos de 1890 nas listaxes de socios. Traballou como auxiliar administrativo do xornal La Tierra Gallega, publicación fundada polo poeta Manuel Curros Enríquez en 1894. Pasados tres anos da súa chegada a Cuba, Baña Pose ingresou no seminario para seguir a carreira eclesiastica. Malia que non rematou estes estudos, este tempo serviulle para aumertar a súa formación. Como moitos outros emigrantes, Baña Pose tamén se dedicou ao comercio. Así, sabemos que en 1899 era propietario do restaurante Gran Cocina Europea, con enderezo na rúa Muralla da Habana. Tras acadar o título de mestre, exerceu esta profesión en varias localidades de Cuba. O seu derradeiro destino foi Cayajavos, preto de Artemisa, na provincia de Pinar del Río.

Tivo unha importante presenza na presa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do xornal Follas Novas. Foi colaborador dos xornais Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas. Na prensa adoitaba empregar o pseudónimo de Pepe de Xan Baña, alcume que tamén empregaría nos seus traballos literarios.

En lingua galega publicou Cartas ós de Santa Comba de Negreira (1911) e Suspiros n´a terriña, despois de trinta e dous anos d´a Habana (1922). En 1921 realizou unha visita a súa localidade natal. Durante a súa estancia en Galicia impartiu dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba. Estas disertacións serían publicadas máis tarde nun folleto tras a súa volta a Cuba. Durante esta visita Baña Pose tamén tivo oportunidade de demostrar a filantropía dos emigrantes coa súa terra natal. Deste xeito, fixo unha doazón de vinte mil pesetas para o cemiterio da súa parroaquia. En 1921 publicou o libro Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en 30 anos de Cuba. Vindicación. Alén destes libros, a súa obra atópase dispersa por xornais e revistas.

Dentro do Centro Gallego, Baña Pose pertencía á candidatura encabezada por Fermín Méndez Neira. Neste senso, en decembro de 1920, foi elixido como vicetesoureiro do comité desta candidatura para os barrios de Ceiba e Marte. No seo da primeira entidade galega da Habana mantivo vivas polémicas. Así, Baña Pose situouse no bando dos partidarios de non seguir sufragando a Historia de Galicia de Manuel Murguía, opinión que o levou a rachar a súa vella amizade con Curros Enríquez, partidario de que o Centro Gallego seguise financiando a magna obra de Murguía. Tamén participou decisivamente na fundación de pequenas sociedades de emigrados. Así, en 1908 estivo entre os promotores da entidade Hijos de Santa Comba de Negreira, ocupando o cargo de secretario na primeira directiva desta sociedade.

Entre novembro de 1936 e maio de 1938 estivo internado na casa de saúde La Benéfica enfermo de tuberculose. En 1941 reaparece na prensa habaneira apoiando a candidatura do partido Afirmación y Defensa para o Centro Gallego. Este partido, dirixido por Cayetano García Lago, era o valedor entre a colectividade galega do réxime franquista.

Morreu na Habana o 16 de outubro de 1945, sendo soterrado no panteón do Centro Gallego da Habana.

Obra de José Baña Pose

Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba: Vindicación, A Habana: La Universal, 1921.

Suspiros n’a terriña: depois de trinta e dous anos d’a Habana, A Habana: La Universal, 1922.

Bibliografía: 

CUADRIELLO, JORGE DOMINGO: Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario bio-bibliográfico, Sevilla: Renacimiento, 2002, p. 36.

NEIRA VILAS, XOSé: O sarillo do tempo, Vigo: Xerais, 2004, pp. 64-65.

REI LEMA, XOSé MARíA: As historias de Pepe de Xan Baña, Santa Comba: TresCtres Editores, 2005.

Documentación asociada
Documentación asociada
José Baña Pose preséntase a si mesmo41.99 KB
Pepe de Xan Baña fai balance da súa vida42.33 KB
Baña Pose: unha voz crítica44.69 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3816 lecturas