Xuventude e raíces: Miranda eloxia o espírito dos mozos e mozas no programa “Conecta con Galicia" reforzando os vínculos

Miranda asegurou "Hoxe honramos aos mozos que, co seu esforzo e paixón, conectaron coa súa herdanza galega, percorrendo o Camiño de Santiago e participando activamente na conservación da nosa cultura".

"Este acto simboliza o recoñecemento ao esforzo, a dedicación e o espírito de aventura das e dos mozos galegos, reafirmando o compromiso da Xunta coa promoción da cultura e valores galegos entre as novas xeracións. Os dous encontros son a homenaxe e recoñecemento aos que deixaron a súa terra, pero mantiveron o sentimento no seu corazón e o transmitiron ás novas xeracións".

  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
  • Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
    Imaxe do acto celebrado este domingo en Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 27 de novembro de 2023.

Nun acto emotivo e inspirador, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez  Miranda celebrou en Bos Aires a entrega de diplomas aos mozos e mozas participantes nos programas “Conecta con Galicia” e de " Conecta co voluntariado", así como ás e aos peregrinos que completaron parte do Camiño de Santiago.

Durante o evento, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,  destacou o entusiasmo e a dedicación dos mozos e mozas que gozaron do mar e do rico patrimonio natural de Galicia a través do programa “Conecta con Galicia”. Este programa ofreceu ás e aos participantes a oportunidade de conectar coas súas raíces e experimentar a beleza e a cultura galegas.

Tamén se fixo un recoñecemento especial aos mozos e mozas que participaron en diversas actividades de voluntariado, mostrando o seu compromiso coa comunidade e o medio ambiente. Estas experiencias non só contribúen ao desenvolvemento persoal, senón que tamén fortalecen os lazos coa terra galega.

O secretario compartiu as súas experiencias co grupo de mozas e mozos cos que percorreu un tramo do Camiño Portugués pola Costa. “Camiñar xuntos por este tramo foi unha experiencia inesquecible, chea de aprendizaxe e camaradería”, dixo. Estas mozas e mozos recibiron a súa “Compostela”, un diploma que certifica que percorreron polo menos 100 km deste emblemático camiño, desfrutando da súa gran beleza e espiritualidade.

“Quero felicitar a todos os participantes por embarcarse nestas xornadas de descubrimento e aventura. Vós sodes a proba viva da fortaleza e do espírito explorador da nosa xuventude galega. Os vosos logros son un orgullo para todos nós”, asegurou Miranda.

Para o secretario este acto “simboliza o recoñecemento ao esforzo, a dedicación e o espírito de aventura dos mozos galegos e de aqueles de ascendencia galega, reafirmando o compromiso da Secretaría coa promoción da cultura e valores galegos entre as novas xeracións”.

Por último, o secretario xeral da Emigración, quixo destacar a importancia do programa de maiores 'Reencontros con Galicia' da Xunta. “Este programa é unha iniciativa clave para reconectar aos nosos maiores coas súas raíces e tradicións galegas. Ofrecéndolles a oportunidade de volver á súa terra, contribuímos a reavivar os seus recordos e a fortalecer os vínculos coa súa comunidade orixinal. É un paso esencial no noso compromiso para honrar a nosa historia e preservar o rico patrimonio cultural de Galicia".

277 lecturas