Miranda aterra en Santiago cos e coas participantes do programa ‘Conecta con Galicia’, grazas ao cal 177 mozos galegos e galegas do exterior vivirán a terra con mozas e mozos residentes na comunidade

A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades, a que hoxe comeza de actividades ao aire libre, e outra en campos de traballo voluntario que se desenvolve en agosto.

  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e os mozos e mozas do 'Conecta con Galicia' á súa chegada ao aeroporto compostelán de Lavacolla
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e os mozos e mozas do 'Conecta con Galicia' á súa chegada ao aeroporto compostelán de Lavacolla
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e os mozos e mozas do 'Conecta con Galicia' á súa chegada ao aeroporto compostelán de Lavacolla
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e os mozos e mozas do 'Conecta con Galicia' á súa chegada ao aeroporto compostelán de Lavacolla
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no aeroporto compostelán de Lavacolla ás e aos primeiros participantes da edición deste ano do programa ‘Conecta con Galicia’, dirixido a mozas e mozos de orixe galega ou descendentes de persoas galegas e que residan no Exterior. Tamén estaba no aeroporto agardando este primeiro grupo de rapaces e rapazas, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Trátase dunha iniciativa da propia Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se pretende que este colectivo teña a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas súas familias da outra beira do Atlántico, no marco da Campaña de Verán da Consellería de Política Social.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros e devanceiras, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permite que 177 descendentes de cidadás e cidadáns galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 157 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Na edición deste ano 2017, das e dos 157 participantes nesta modalidade, un total de 75  proceden da Arxentina, 36 do Uruguai, 29 de Venezuela, 7 de Cuba, 4 de Brasil, 3 de México, 2 de Chile e 1 dunha comunidade española distinta a Galicia.

Campos de traballo voluntario
A segunda modalidade son os campos de traballo voluntario, que se desenvolven do 18 ao 30 do mes de agosto, e da que se benefician 20 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiras e compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistiron a sesións informativas nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular.

2982 lecturas