A Xunta traballa na posta en marcha de bolsas de FP dual para galegas e galegos do exterior que desexen retornar
O obxectivo é favorecer a incorporación de traballadoras e traballadores as profesións máis demandadas.
Trátase dunha oportunidade para o retorno das e os galegos do exterior así como tamén para Galicia de contar con profesionais que xa traen consigo unha experiencia laboral e formativa noutros países.
O Goberno está ultimando a nova Estratexia Galega de Formación Profesional, cun enfoque vencellado á investigación e á innovación.
O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron unha reunión, na que tamén estivo presente a subdirectora de Retorno, Begoña Solís, para avanzar na oferta de bolsas destinadas á realización de FP Dual por parte de galegas e galegos do exterior que desexen retornar e que lles permita unha posterior integración laboral.
Tal e como destacaron ambos representantes autonómicos, trátase de ofrecer unha oportunidade para o retorno aos galegos e galegas do exterior así como tamén é unha oportunidade para Galicia, xa que aquelas e aqueles que opten ás axudas traerán consigo unha experiencia laboral e formativa previa dos seus propios países. Ofreceríanse así os ciclos con maior demanda laboral na actualidade na nosa comunidade autónoma.
Miranda recordou que a colaboración entre a Consellería de Educación e a Secretaría Xeral da Emigración permitiu que, a través da Estratexia Galicia Retorna, se integraran, desde o ano 2018, máis de 10.000 galegas e galegos do exterior no sistema educativo galego.
Liña estratéxica do Goberno galego
Pola súa banda, José Luis Mira salientou a calidade e o prestixio das ensinanzas de FP en Galicia, cun grao de inserción laboral que acada o 92% no caso da FP Dual, unha modalidade que posibilita compaxinar a formación co traballo nunha empresa, para implementar a preparación no eido máis técnico e incluso manter, nun futuro, ese mesmo posto laboral.
O secretario xeral de Educación engadiu ademais que a aposta por estas ensinanzas é unha liña estratéxica do Goberno galego e, de aí, que se estean implementando accións novidosas como a implantación de novos másteres, a intensificación de relacións co mundo empresarial e a posta en servizo do Centro Galego de Innovación da FP, entre outros.
Tamén avanzou que se está a ultimar a posta en marcha da nova Estratexia Galega de Formación Profesional, que suporá reforzar aínda máis a calidade destas ensinanzas cun enfoque vencellado á investigación e á innovación que lles outorgará un valor engadido aos mozos e mozas con respecto ao seu futuro profesional.
Novas relacionadas