Educación e Emigración destacan a integración inmediata das galegas e galegos retornados no sistema educativo galego
Ambos departamentos autonómicos tamén destacaron a axilidade en Galicia da homologación dos títulos educativos non universitarios dos galegos e as galegas do exterior.
Así mesmo acordaron dirixirse ao Goberno do Estado para reiterar a necesidade de axilizar a homologación de títulos universitarios, xa que este retraso obriga a caer no infraemprego ás persoas retornadas con este nivel de estudos.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo, en San Caetano, unha reunión co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, co obxectivo de continuar a traballar no desenvolvemento dos diferentes proxectos de integración das galegas e galegos retornados, especialmente, no eido da poboación máis nova.
Deste xeito, no encontro analizouse a evolución das liñas de colaboración entre ambos departamentos autonómicos co obxectivo de atraer ás e aos galegos do exterior, fomentando o retorno aos mozos e mozas universitarios que queren realizar mestrados nas tres universidades galegas, ou buscar unha saída laboral a través da formación profesional da nosa comunidade.
Ambos, ademais, coincidiron na necesidade de que, para facilitar este tipo de iniciativa é necesario que o Goberno do Estado axilice a homologación dos títulos universitarios dos galegos e galegas do exterior, tal e como está a facer xa a Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias, onde o prazo non supera os tres meses de agarda. Este retraso está a obrigar a caer no infraemprego ás persoas retornadas con este nivel de estudos. Ademais, tamén se destacou a integración inmediata das e dos galegos retornados no sistema educativo galego, facilitando ás familias que poidan retornar con maior garantía.
Novas relacionadas





