Miranda participa na apertura dunha xornada de formación para a integración laboral por conta allea para as galegas e galegos retornados
O secretario xeral da Emigración asistiu a unha sesión de apoio na obtención de ferramentas para a busca efectiva de emprego organizada pola Fundación Ronsel.
Participaron tanto retornadas e retornados de orixe galega que queren atopar un posto de traballo por conta allea coma empresas dedicadas aos recursos humanos, finanzas, investigación, sustentabilidade, ventas e innovación.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, foi o encargado de abrir a acción de formación que, en colaboración coa Fundación Ronsel, se realizou esta semana para ofrecer ferramentas de cara á integración laboral ás galegas e galegos retornados na busca de traballo por conta allea de xeito que se lles poida dar a maior cobertura posible no seu proceso de información á sociedade galega.
Deste xeito, búscase aportar formación a un máximo de 250 persoas galegas retornadas do exterior de cara a lograr unha maior eficiencia na súa inserción laboral en Galicia. Nesta sesión participaron tamén empresas dedicadas aos recursos humanos, as finanzas, a investigación, a sustentabilidade, as vendas e a innovación, que foron as encargadas de aportar a información e as ferramentas ás e aos participantes na xornada.
Esta acción forma parte do programa destinado á lograr a integración laboral de galegas e galegos retornados e que se está a desenvolver ao longo deste ano con obradoiros grupais, charlas e cursos que permiten ás galegas e galegos retornados coñecer o mercado de traballo galego. Tamén se desenvolven itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos e das participantes.
“Os participantes aprenden a orientar de xeito máis efectivo o seu currículum, coñecen que sectores son nos que poden atopar con máis facilidade un emprego e aprenden a utilizar métodos e sistemas para enfrontarse a unha entrevista de traballo”, explicou o secretario xeral da Emigración.
A Fundación Ronsel é unha entidade que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados.
Novas relacionadas