A Xunta promove a inserción laboral de máis de 1.000 mulleres do rural cun novo programa de apoios ao emprego feminino en sectores con demanda ao que se poden acoller as galegas retornadas

Cun investimento de 2,8 M€  incentivarase o deseño, por parte de concellos de menos de 5.000 habitantes e agrupacións de municipios, de programas integrados de emprego feminino que combinen orientación, formación e asesoramento laboral.

O prazo para solicitar as axudas remata o próximo 14 de outubro.  

Capacitarase ás mulleres para a súa inserción laboral en sectores con demanda de profesionais como a economía verde e dixital.

As participantes nos programas recibirán un incentivo de 400 euros, e os concellos ata 4.215 euros por muller que consiga a súa inserción laboral.

 Deste programa poderán beneficiarse tamén as emigrantes retornadas
Deste programa poderán beneficiarse tamén as emigrantes retornadas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2022.

Galicia ofrecerá itinerarios individualizados para que unhas 1.097 mulleres desempregadas poidan mellorar as súas oportunidades laborais e acceder a un posto de traballo. A Xunta promove unha nova liña de apoios, dotada con 2,8 millóns de euros, para que os concellos desenvolvan programas integrados de emprego en feminino co obxectivo de garantir a inserción laboral das mulleres e dinamizar as áreas menos poboadas. Este novo programa de axudas pódese solicitar ata o próximo 14 de outubro, e ao mesmo poden acollerse as galegas retornadas que cumpran os requisitos.

Os apoios, que se financiarán con fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), garantirán o acompañamento a mulleres en desemprego por medio de programas que combinarán accións de  orientación laboral co asesoramento, a información, a formación e a adquisición de competencias e habilidades transversais. 

Poderán ser beneficiarios da nova liña os concellos de menos de 5.000 habitantes a título individual ou como agrupación ou mancomunidade de concellos; neste último suposto o 35% dos municipios que conformen esa unión deben ter menos de 5.000 habitantes.

Os programas a desenvolver polas entidades locais están concibidos para facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia. Así, a formación impartida dirixirase a mellorar a capacitación para postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve a iniciativa. 

As accións terán unha duración de 12 meses. Con elas aspírase a que as mulleres adquiran a cualificación necesaria para aumentar as posibilidades de acceso ao traballo e, ao mesmo tempo, reforzar o desenvolvemento produtivo das zonas rurais, loitar contra a fenda de xénero e promover a permanencia das mulleres no territorio. 

Emprego verde e dixital
A Xunta quere que os programas melloren as competencias das mulleres cara a empregos verdes e dixitais, de xeito prioritario.  Máis aló destes dous ámbitos, porán o foco no eido do emprendemento e a economía social; as enerxías renovables; o tratamento de augas e residuos; os aproveitamentos forestais e agrarios respectuosos co medio; a economía circular; a dixitalización de servizos; as actividades comerciais en liña; a tecnoloxía; o desenvolvemento local rural e sostible; e as actuacións que favorezan a cohesión social (por exemplo, a intervención con colectivos vulnerables). 

Serán destinatarias destes programas integrais de emprego as mulleres desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e residentes, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes.  Promoverase a inserción laboral de polo menos o 20% das participantes por conta propia ou allea durante un mínimo de 90 días. 

As participantes recibirán un incentivo de 400 euros pola súa condición de mulleres participantes, que se canalizará a través das entidades locais organizadoras. 

Os concellos promotores, pola súa banda, accederán a apoios de 1.715 euros por participante, cos que se dará cobertura a eses 400 euros de incentivo individual, así como aos gastos técnicos, de material, de publicidade, de formación do persoal, etc. A esa contía engadiranse outros 2.500 euros por muller inserida no mercado de traballo. 

Esta orde enmárcase no Plan Emprega Muller polo que a Xunta está a apostar este ano cun orzamento de máis de 34 millóns de euros para apoios integrais para o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional do colectivo feminino. Está conformado por programas específicos e exclusivos -a maioría de nova creación como este- para a mellora da cualificación profesional e fomento da empregabilidade do colectivo feminino. 

484 lecturas