A Xunta apoia este ano co programa Emega de emprendemento feminino a creación de 241 negocios e o emprego de 619 mulleres cun investimento de 4,4 M€

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica no DOG a resolución para 2022 desta iniciativa a través da que se conceden 346 axudas, un 47,9% máis que na anterior edición.

O orzamento é o maior da historia deste programa co que se prioriza para a concesión dos apoios ás mulleres vítimas da violencia de xénero, paradas de longa duración, maiores de 45 anos, menores de 30 ou persoas con discapacidade.

Desde 2009 a Xunta leva destinados cerca de 19M€ a esta iniciativa, coa que se concederon preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais e permitiu a creación e consolidación de máis de 2.700 postos de traballo feminino.

O programa Emega é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
O programa Emega é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2022.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas do programa Emega, de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34%,2 máis que o ano pasado),  permitiu conceder 346 axudas, un 47,9% máis que en 2021, no que se concederon 234. Con estes apoios autonómicos poderán impulsarse 241 novos proxectos empresariais e crearanse e consolidaranse 619 empregos femininos.

O crédito da convocatoria para este ano experimentou un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación. 

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar  unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

Como novidades este ano, ademais do incremento orzamentario global, tivéronse en conta os plans de igualdade vixentes como documentación acreditativa e elevouse a puntuación de pertenza das posibles beneficiarias a algún colectivo prioritario (mulleres con discapacidade, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45 no inicio da actividade laboral, desempregadas de larga duración...), valorándose cada unha destas circunstancias.

A Xunta consolida o seu apoio ao talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega en 2023, que conta con 26 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral. O pasado 2021 o programa permitiu apoiar a cifra de 234 iniciativas empresariais de mulleres e a creación de 272 novos postos (158 por conta propia e 114 por conta allea) de mulleres, así como o mantemento doutros 240.

Coa convocatoria deste ano, desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 19 millóns de euros no programa, permitindo a concesión de preto de 1.500 axudas para apoiar proxectos empresariais femininos que permitiron crear 2.084 postos novos e o mantemento de 648 preexistentes.

Emega 2022
Provincia Emprendedoras beneficiarias Importe total Nº empregos consolidados
A Coruña 105 1.367.000€ 208
Lugo 57 709.000€ 92
Ourense 67 831.000€ 115
Pontevedra 117 1.469.000€ 204
Galicia 346 4.376.000€ 619

 

299 lecturas