A Xunta inviste máis de 10M€ en Programas Integrados de Emprego aos que poden acceder as galegas e galegos retornados, e que impulsará a ocupación de 4.000 persoas desempregadas

A Xunta mantén aberta unha convocatoria que permitirá levar a cabo 40 programas de formación no traballo que deben garantir un mínimo dun 35% de inserción laboral das persoas participantes.

O Goberno galego reserva 2 millóns de euros para fornecer os programas dirixidos ás mulleres desempregadas.

Son de interese para o Executivo galego áreas como as relacionadas coa innovación e as novas tecnoloxías, as que avoguen pola conciliación laboral  e as que estean vencelladas ao seu territorio.

Na convocatoria deste ano a Xunta eleva o orzamento dos 8,4 aos 10,08 millóns de euros, un 20% de aumento
Na convocatoria deste ano a Xunta eleva o orzamento dos 8,4 aos 10,08 millóns de euros, un 20% de aumento
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021.

A Xunta de Galicia vén de abrir unha orde de axudas á que poden acceder as galegas e galegos retornados e pola que se destinan máis de 10M€ a unha nova edición dos Programas Integrados de Emprego (PIE) que acompañarán neste ano a case 4.000 persoas desempregadas na procura de emprego e na adquisición dunha mellor formación.

Esta liña, dotada con 10.080.000 euros a cargo dos fondos finalistas do Estado, activa un total de 40 programas de formación dirixidos cada un a 100 persoas desempregadas coa meta de potenciar a súa inclusión laboral. A convocatoria está orientada a entidades locais, soas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica sen ánimo de lucro. Serán elas quen planifiquen os seus PIE, que deben garantir, como mínimo, a inserción laboral do 35% das persoas participantes nas formacións.

O Goberno galego pon o seu foco, como parte prioritaria, nas persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia machista, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes. Esta orde reserva, así mesmo, 2 millóns de euros para fornecer programas dirixidos en exclusiva ás mulleres desempregadas, co obxectivo de que reciban atención específica que lles permita entrar no mercado de traballo.

É prioritario para o Executivo galego o impulso, a través deste financiamento, ao relacionado cos proxectos innovadores e caracterizados polo emprego de tecnoloxías avanzadas e, na mesma liña, o fomento tamén das actividades que propoñan medidas de conciliación e que teñan ligazón co territorio onde están asentadas. 

No afán de democratizar o acceso a estas convocatorias, a Xunta facilita o desprazamento e gastos derivados da asistencia ás mesmas con bolsas de sete euros por día para a asistencia das persoas demandantes de emprego, así como a cobertura dos custos salariais do persoal que imparte as formacións e o seu desprazamento, xunto cos gastos materiais e técnicos.

Os PIE teñen como finalidade a inclusión das persoas atendidas, é por iso que a Xunta esixe ás entidades beneficiarias un mínimo dun 35% de inserción laboral dos e das participantes mediante, ou ben a súa contratación 3 meses por conta allea durante os 12 meses de execución do programa, ou ben inicien no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade por conta propia ou formando parte como socias ou socios traballadores dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses. 

Estes PIE teñen no seu centro a formación, pero tamén a orientación e asesoramento dentro das especialidades do catálogo do SEPE, ademais das técnicas de coidado da saúde emocional no emprego, as habilidades sociolaborais, o impulso á creatividade emprendedora, a prospección laboral e a mobilidade xeográfica.

Preto de 42.000 persoas participaron en Galicia nestes programas integrados de emprego dende o ano 2009, nos que houbo un investimento de case 74 millóns de euros. Na convocatoria deste ano a Xunta eleva o orzamento dos 8,4 aos 10,08 millóns de euros, un 20% de aumento.
 

885 lecturas