A Xunta amplía ata os 10,2M€ o orzamento dos programas integrados de emprego para persoas desempregadas, aos que poden sumarse as e os galegos retornados

A Xunta acaba de abrir a nova convocatoria desta iniciativa plurianual que incrementa nun 2% a partida para os anos 2022 e 2023.

As axudas están dirixidas a entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro que se estima que porán en marcha 41 plans.

Cada programa integrado de emprego contará con 100 participantes das e dos que un 35%, como mínimo, deberán atopar un traballo ao remate da actividade.

O prazo de solicitude remata o vindeiro 23 de xuño
O prazo de solicitude remata o vindeiro 23 de xuño
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022.

A Xunta reforzará na convocatoria 2022-2023 os programas integrados de emprego cun 2% máis de orzamento que na anterior edición, o que permitirá, cun investimento de 10.268.000 euros, a posta en marcha de 41 plans para formar e incrementar as oportunidades laborais dunhas 4.100 persoas desempregadas, e aos que poden sumarse as galegas e os galegos retornados. O prazo de solicitude remata o próximo 23 de xuño. 

Ás axudas poderán optar as entidades locais, xuntas ou agrupadas, e as organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro. Serán elas as que deseñen os programas integrados de emprego. En cada un deles tomarán parte 100 persoas desempregadas. Un mínimo do 35% do total de participantes en cada programa deberá atopar un traballo ao remate das accións desenvolvidas. En concreto, deberán ser contratadas ou contratados, polo menos, durante 90 días por conta allea durante os 12 meses de execución do programa integrado ou iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade por conta propia. Tamén poden formar parte como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

A Administración autonómica ofrece tamén nesta edición bolsas de sete euros por día para a asistencia das e dos demandantes de emprego. E asume os custos salariais do persoal necesario para impartilas, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e técnicos, entre outros. 

Ao igual que noutras políticas de emprego, a Xunta terá como destinatarias prioritarias, entre outras, ás mulleres, ás persoas en risco de exclusión social, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes. 

A Xunta quere fomentar os proxectos innovadores que se caractericen pola utilización das novas tecnoloxías. Tamén as actividades que propoñan medidas de conciliación e que estean vencelladas co territorio onde se imparten. 

Os Programas Integrados de Emprego deben poñer o foco en accións encamiñadas á información, orientación e asesoramento, formación nas especialidades do catálogo do Servizo Estatal de Emprego (SEPE), técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade emprendedora, prospección laboral, formación para o emprego, práctica laboral e mobilidade xeográfica. 

Emprego feminino
A orde da Xunta reservará, ao igual que outras convocatorias anteriores, 2 millóns de euros do total para financiar programas que se dirixan en exclusiva a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica que lles dea acceso ao mercado laboral. 

No obxectivo da Administración autonómica de impulsar o emprego feminino, promóvese este ano tamén, cun investimento de 2,8 millóns, a inserción laboral de máis de 1.000 mulleres cun novo programa de apoios. Incentivarase o deseño, por parte de concellos de menos de 5.000 habitantes e agrupacións de municipios, de programas integrados de emprego feminino que combinen orientación, formación e asesoramento laboral.

Entre 2009 e 2021 preto de 46.200 persoas participaron en Galicia nos programas integrados de emprego, nos que a contía investida case acadou os 84,5 millóns de euros.

A actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego aspira a mellorar a cualificación profesional de traballadoras e traballadores ocupados e desempregados, a competitividade das empresas e as oportunidades en Galicia, e ao que se destinan este ano máis de 117 millóns de euros. 

323 lecturas