A Xunta pon en valor a progresiva recuperación da chegada de grupos de peregrinas e peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu a case medio cento de peregrinas e peregrinos vinculados á Federación de Casas Regionales en Navarra.

No que vai de ano seláronse case 25.400 Compostelas superando xa a cifra prevista para o remate desta Semana Santa.

Preto de medio cento de peregrinas e peregrinos vinculados á Federación de Casas Regionales en Navarra chegaron este sábado a Compostela
Preto de medio cento de peregrinas e peregrinos vinculados á Federación de Casas Regionales en Navarra chegaron este sábado a Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu este sábado a un grupo de 44 persoas procedentes da Federación de Casas Regionales en Navarra, formado por participantes de Casas regionais de Aragón, Castela e León, Cantabria e Comunidade Valenciana en Navarra, así como do Hogar Extremeño de Pamplona, Centro Cultural Extremeño en Alsasua e Lar Gallego en Pamplona.

Á chegada á praza do Obradoiro, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na relevancia das e dos peregrinos procedentes de Navarra, con case 1.200 peregrinas e peregrinos no ano 2019 e máis dun cento no que vai de ano, sumando os que chegaron neste grupo. Nesta liña, puxo en valor a recuperación das viaxes en grupo, o que deixa patente os resultados do reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e o interese polo noso patrimonio.

Ademais, o Camiño de Santiago está a superar as expectativas e no que vai de ano case  25.400 peregrinas e peregrinos xa selaron a súa Compostela, polo que xa se acadaron as 25.000 previstas para o remate desta Semana Santa. Trátase da cifra máis elevada na historia do Camiño e do Xacobeo, case un 30%  por riba das e dos máis de 20.000 peregrinos rexistrados no mesmo período tanto no ano récord de 2019 como no anterior Ano Santo de 2010.

Nesta primeira metade do mes de abril chegaron a Santiago máis de 14.300 peregrinas e peregrinos, isto é, case o 60% das credenciais obtidas no que vai de 2022 e tamén con máximo histórico. Destacan as máis de 2.500 Compostelas seladas o pasado venres e as 2.000 do xoves.

204 lecturas