Miranda asistiu convidado polo Goberno de Navarra ás Xornadas culturais da Federación de Casas Rexionais, que este ano protagoniza Galicia, e visitou a comunidade galega alí residente

Invitado polo Lar Gallego de Pamplona, o secretario xeral da Emigración visitou a exposición fotográfica “Camiño de Santiago-Francés”, e as instalacións, da comunidade galega.

No seu discurso no Salón do Trono do Palacio de Navarra, e en representación do Presidente Feijóo, sinalou a “solidariedade, integración e unión” como obxectivos fundamentais nas migracións do século XXI.

  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
  • Imaxe dos actos desta mañá
    Imaxe dos actos desta mañá
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe aos actos oficiais da Presidencia do Goberno navarro co gallo da celebración das Xornadas Culturais organizadas en Pamplona pola Federación de Casas Rexionais na Comunidade Foral de Navarra, que conforma o Lar Gallego e outros centros representativos de distintas rexións españolas, e que neste ano están dedicadas a Galicia.

O principal acto institucional desenvolveuse no Salón do Trono do Palacio de Navarra, sede do Goberno Foral, e consistiu nunha recepción ás e aos representantes das diversas comunidades inmigrantes en terras navarras, entre as que se atopa a galega: segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, en Navarra residen 3.422 persoas nadas na Galicia territorial.

Estes galegos e galegas residentes en Navarra, ao longo das Xornadas, foron quen de achegar aos seus veciños e veciñas a actualidade e calidade da cultura e idiosincrasia galegas, mediante diversas actividades de diversa índole abertas a todo tipo de público, e apoiadas polo goberno foral. Así, neste 2015 o Lar Gallego de Pamplona foi o protagonista de eventos nos que colaboraron activamente o resto das casas doutras rexións españolas que forman parte da Federación: Casa de Andalucía, Casa de Aragón, Casa de Cantabria, Casa de Castilla y León, Hogar Extremeño, Casa de La Comunitat Valenciana, e o Centro Cultural Extremeño de Alsasua La Encina.

Discurso
A alocución de Miranda xirou en torno a un triplo eixo: a solidariedade cos e coas que sofren un desterro obrigado –facendo referencia ás últimas crises migratorias no Mediterráneo-, a integración como ingrediente fundamental para a inserción real da persoa emigrada na sociedade de acollida, e a unión “para aparcar o diferente e engrandecer o común”, en clara referencia ao recoñecemento das singularidades españolas que en ningún caso poden supoñer a renuncia a un futuro común.

“Sodes, amigas e amigos, un exemplo neste reto de futuro que temos ante nós: un mundo cada vez máis globalizado, no que as razas, as crenzas, os idiomas, as culturas e as orixes estarán cada vez máis mesturados. Confiemos en que todas e todos nos convertamos en estandartes desa solidariedade, desa capacidade de integración, e dese afán de unión do que son o mellor exemplo os ollos que hoxe me miran neste insigne Salón do Trono”, concluíu Rodríguez Miranda en alusión directa ás e aos presentes.

Exposición Camiño de Santiago
Antes do grande acto institucional, o secretario xeral da Emigración visitou a exposición fotográfica Camiño de Santiago-Francés obra do autor José Luis Sánchez, bibliotecario do Lar Gallego de Pamplona. A visita serviu para coñecer en primeira man o balance das últimas actividades desenvolvidas pola entidade galega na Comunidade Foral.

A entidade, que preside María Jesús Rodríguez García, atesoura 64 anos de existencia como entidade da diáspora, posúe un local con sala de xuntas, sala lúdica, biblioteca, salón para ensaios do grupo de danzas, e servizos de hostalaría. Os primeiros estatutos desta sociedade datan do ano 1951, pero existen testemuñas de que xa en 1946 os galegos e galegas en Pamplona reuníanse con regularidade para manter viva a chama da Galeguidade. Foi en 1975, xa cunha ampla base asociativa, cando se adquiriu en propiedade a súa actual sede, duns 250 metros cadrados.

O Lar Gallego está presente en cantas manifestacións culturais se promoven na cidade, e participa con caseta propia na Feira de Mostras de Navarra desde 1953. No 2008 recibe a Medalla do Gaiteiro de Soutelo, galardón que premia á promoción e difusión da cultura tradicional galega. A súa actividade cultural baséase en tres eixos fundamentais: o das publicacións, o mantemento dos grupos folclóricos (de baile e cantareiras), e fomento do deporte con equipos propios.

2046 lecturas