A Xunta pon en valor o labor dos 8.000 galegos que participaron na construción da Canle de Panamá e a súa contribución ao desenvolvemento do país

O Goberno galego destaca a importancia de recoñecer o legado e esforzo destes traballadores que axudaron a executar unha infraestrutura singular que cambiou o transporte marítimo internacional, un feito pouco coñecido na comunidade galega.

Ángeles Vázquez lembrou que moitos destes profesionais se asentaron en Panamá e formaron as súas familias no país, converténdose así nun exemplo máis da universalidade do pobo galego.

A vicepresidenta segunda en funcións expuxo a vontade de Galicia de seguir estreitando lazos no futuro co país centroamericano incidindo especialmente nas cuestións socioeconómicas que unen aos dous pobos.

  • A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
    A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
  • A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
    A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
  • A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
    A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións participou hoxe no acto de homenaxe promovido pola Fundación Nosa Terra.
Listen to this page using ReadSpeaker
Panamá, 24 de febreiro de 2024.

A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor o labor realizado polos arredor de 8.000 galegos que participaron a comezos do século XX na construción da Canle de Panamá, unha obra de enxeñería que cambiou o tráfico marítimo internacional e contribuíu ao desenvolvemento socioeconómico do país. Así o fixo a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a inauguración dunha escultura en homenaxe aos galegos que interviñeron nesta actuación.

A responsable autonómica destacou durante o evento, promovido pola Fundación Nosa Terra, a importancia de recoñecer o gran legado, esforzo e compromiso dos traballadores galegos no desenvolvemento dunha infraestrutura de “singular grandeza” con repercusión mundial. De feito, lembrou que moitos deses profesionais se asentaron en Panamá e formaron as súas familias, deixando unha forte pegada no país.

Ángeles Vázquez salientou as estreitas relacións existentes entre Galicia e o país centroamericano, con máis de 4.000 galegos residindo nel, e expuxo a vontade do Executivo galego de seguir estreitando lazos de cara ao futuro incidindo nas cuestións socioeconómicas que unen aos dous pobos.

A vicepresidenta segunda en funcións incidiu ademais en que a participación de milleiros de galegos na construción da Canle de Panamá é un episodio pouco coñecido na comunidade e trátase dun feito histórico que demostra a universalidade do pobo galego, presente en todos os lugares do mundo, especialmente no continente americano.

A responsable autonómica agradeceu a invitación da Fundación Nosa Terra ao acto e o seu labor en Panamá para preservar o legado dos galegos que emigraron ao país centroamericano. Ao mesmo tempo, trasladou ao Goberno panameño e ao resto de autoridades presentes na homenaxe a gratitude da Xunta e de toda Galicia pola posta en valor do papel do pobo galego no desenvolvemento do país.

Escultura homenaxe
A Fundación Nosa Terra homenaxea aos galegos que participaron na construción da Canle de Panamá coa inauguración en Auga Clara, nas esclusas caribeñas desta infraestrutura, dun monumento feito polo artista Gonzalo Sánchez Mendizábal consistente en catro homes a tamaño real que simbolizan as catro provincias galegas. Os materiais empregados son o bronce e o silicio e o grupo escultórico aséntase sobre unha plataforma de bronce que simula a terra panameña sobre unha pedra galega.

O autor, de orixe boliviano e residente en Madrid, conta cunha prolífica obra en España con importantes esculturas en distintas comunidades entre as que se inclúen homenaxes á muller da industria conserveira, ao emigrante ou navegante galego e a Valle-Inclán, as tres na Pobra do Caramiñal (A Coruña).

114 lecturas